Unha semana máis, a Televisión de Galicia (TVG) seguirá achegando a televisión aos teatros do país cunha nova entrega do programa itinerante Malo será!, que nesta ocasión se ofrecerá desde o teatro Afundación de Vigo. Serán dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega como protagonistas, aos que se unirá como convidado estrela o actor Alfonso Agra.

Neste programa, o público de Vigo e os espectadores da Televisión de Galicia serán testemuñas dun día na caótica Gelatería Leggiero, da visita a un veterinario por problemas cun can moi especial e tamén da retransmisión en directo das eleccións municipais de Vilacativa.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Santi Romay, Sara Fandiño, Carmen Méndez e Alfonso Agra serán os e actores e actrices que intervirán esta noite en Malo será!, baixo a batuta de Marta Doviro.

'A Revista'

Por outra banda, cando só quedan un par de días para as datas grandes do Entroido, A Revista segue a facer un percorrido polas celebracións máis destacadas da nosa comunidade. Este mércores é a quenda de Chantada. O programa estará en directo na vila lucense para coñecer o seu Entroido ribeirao, dominado polo colorido dos disfraces tradicionais e pola figura dos volantes. En segundo lugar, o programa desprazarase ata Zas, sede da Feira da Filloa á Pedra, que constitúe o doce máis característico do Entroido, xunto coas orellas.