A Televisión de Galicia (TVG) estrea hoxe o programa Botando unha man, un formato diario que ten como obxectivo explorar as iniciativas solidarias e de voluntariado na nosa comunidade. Este novo espazo de servizo público centrarase en coñecer as persoas que están a facer algo en distintas iniciativas solidarias, nos ámbitos máis diversos. Botando unha man participará nos seus proxectos e compartirá cos seus protagonistas momentos que falarán de como comezaron a colaborar, do que lles achega esa colaboración, dos problemas que solucionan, das necesidades que cobren e das dificultades do día a día.

Cada programa tratará un tema distinto e visitará persoas de distintas organizacións solidarias e de distintos lugares de Galicia, que colaboran con iniciativas do máis variado, desde a axuda ás familias con pacientes con alzhéimer ata a protección a cans e animais domésticos. O obxectivo éachegar unha visión positiva das actividades ás que se asome o espazo, que non se centrará nas desgrazas, senón no tesón da xente que loita por superalas.

Na súa estrea, Botando unha man coñecerá o mundo do deporte inclusivo achegándose a personaxes coma o triatleta Ángel López, a organizadora Carmen Touza, ou o voluntario Chopin.

O novo espazo da canle autonómica galega tamén gozará nesta primeira entrega dunha xornada lúdico-festiva na carreira inclusiva Enki da Coruña.