02 de agosto de 2019
02.08.2019

'Luar' despide tempada con Chenoa, Al Bano e Carlos Baute

Víctor Manuel, Fangoria, Mocedades e Rosa López pasarán tamén polo programa

01.08.2019 | 22:34
A cantante Chenoa.

O programa Luar pecha este venres por vacacións ata setembro. Nesta despedida de temporada e para deixar os espectadores cun bo sabor de boca, o espazo da TVG contará cunha chea de actuacións dos máis variados artistas. Pola pantalla desfilarán cantantes e grupos de longa e recoñecida traxectoria coma Víctor Manuel, Mocedades, Chenoa, Carlos Baute, Rosa López, Ázucar Moreno, Massiel, Fangoria e Al Bano. Tamén estarán neste Luar especial o artista Valderrama, os ídolos adolescentes Gemeliers e o novo cantante Adrián Martín.

Ademais, pasarán polo escenario algúns dos artistas galegos saídos das últimas edicións de Operación Triunfo, que xa conseguen os seus propios éxitos discográficos, como é o caso de Cepeda, Miriam Rodríguez, Roi Méndez e Sabela. Tampouco faltará neste último Luar da temporada a música das mellores orquestras, nesta ocasión con Gran Parada, New York, Finisterre e Los Satélites.

A música tradicional galega virá da man de Cantigas e Agarimos, Treixadura, Malvela, Sondeseu, Os do Fondo da Barra, Mayalde, o Orfeón Mariñeiro do Berbés, Sons de Celeiro e Fonteliño, entre outros.

'Adiviña quen vén esta tarde'

Adiviña quen vén esta tarde remata a semana trasladándose á vila mariñeira de Laxe. O set do programa instalarase na entrada do porto, no corazón do municipio e moi preto dun dos seus monumentos máis senlleiros: Santa María da Atalaia.

Da man do técnico de turismo Domingo Vidal, os espectadores coñecerán os puntos máis atractivos do concello, con mención especial ao Mercado Pirata, que hoxe mesmo inaugura unha nova edición. Tamén visitarán o programa os participantes no simulacro do Naufraxio de Laxe, un xeito dos mariñeiros desta vila costeira de honrar cada ano a Virxe do Carme.

A gastronomía virá da man das propostas dun dos locais máis coñecidos da localidade, o Mar de Laxe. No capítulo musical, Adiviña quen vén esta tarde recibe a Christian Pensado, recanteiro pola Costa da Morte.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook