O programa Zigzag comezará hoxe a semana entrevistando á coruñesa Sara Coleman, que se move entre a arte e o deseño, e que falará da súa exposición individual La cuarta piel, que amosa obras creadas ex profeso para o espazo da Fundación Rosón Arte Contemporáneo de Pontevedra.

O espazo da G2 visitará tamén outra exposición, neste caso na Coruña. A Fundación Barrié amosa en Norman Parkinson: siempre con estilo, 80 fotos que reflicten a transformación da moda feminina. Coñecido polo seu conxunto artístico innovador e único, Parkinson foi partícipe das transformacións que tiveron lugar na fotografía de moda do século XX.

Ademais, o programa presentado por Pilar G. Rego dará conta do que ofrecerá durante esta semana a quinta edición co certame audiovisual Curtas Armadiña, que encherá Combarro de proxeccións audiovisuais e obradoiros relacionados coa produción cinematográfica. As curtametraxes desta edición contan con dirección, produción, localizacións ou lingua galega.

Por outra banda, A Revista estará nos xulgados de Santiago pendente da previa do xuízo do caso Diana Quer. Nesta xornada construirase o xurado popular. No estudio de gravación contarán coa presenza da avogada Ana Camiño e as xornalistas Patricia Abet e Carla Reyes.

Hoxe tamén é o último día das celebracións do San Martiño de Ourense. Por iso, o programa da TVG estará en directo desde este concello para falar do magosto. Tamén estará na feira de San Martiño de Francos, en Teo. Na mesa estará o antropólogo Manuel Mandianes falando do San Martiño e as colaboradoras e xornalistas Sandra Cuíña e Evelia Isabel Carballo.

O magazine tamén contará coa presenza de Rubén Riós, o actor que interpretará a Juan Pardo no filme que se estrea este mércores ás 22.30 horas, Pardo pola música.