A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá hoxe unha edición especial do espazo Pasaporte galego, que, da man de Isabel Blanco, amosa historias de galegos na diáspora descoñecidos para o gran público. Nesta ocasión, o programa será unha fiestra aberta a personaxes queridos e admirados en Galicia, ben porque medraron na TVG, ben porque as súas carreiras foron seguidas por todos, como se se tratase dun máis da familia, polo que acabaron converténdose en Un dos nosos.

Neste programa especial, titulado Pasaporte galego. Un dos nosos, o protagonista será Luís Tosar, un dos actores máis prezados e un dos expoñentes máis representativos da galeguidade dentro e fóra de Galicia. Cando fixo 20 anos de Mareas vivas, a súa compañeira no elenco desta serie histórica da TVG proporalles aos espectadores achegarse á súa vida de hoxe para saber por onde levou a súa carreira e como mantivo os vínculos coas súas raíces e para coñecer como manifesta a súa galeguidade en todo canto fai. A proximidade que ofrece a amizade de vello entre os dous actores permitirá coñecelo dun xeito moi diferente ao dunha entrevista convencional.

Neste percorrido nunca realizado en televisión, amosarase como foron os inicios de Luís Tosar en Lugo, como era a vida en Xustás cos seus pais e como foi medrando de xeito autodidacta ata ser hoxe un dos actores máis respectados e queridos en España. A audiencia tamén verá como é Tosar como pai, como concilia a súa vida artística coas súas obrigas familiares, como leva na distancia a súa relacións cos seus pais e como fai para compatibilizar rodaxes, estreas e promocións.