O programa Embarcados, produción encargada por TVG a Producións Celta que reflicte o traballo e a vida dos mariñeiros abordo dos barcos, volta este domingo (11.00 horas) na Televisión de Galicia co capítulo Moa, atrapar a vida coas nasas.

O Moa é un barco de once metros, con base en Noia, que traballa tanto os aparellos como as nasas, arte, esta última, coa que está traballando esta tempada, para a captura do camarón e a nécora, aínda que tamén pode entrarlles polbo. A súa tripulación está composta por mariñeiros que residen na histórica vila galega de Noia, histórica tamén pola súa orixe mariñeira. Imos saír ao mar no Moa dende o porto de Porto do Son. O porto natural do Moa e o do Testal en Noia, pero por problemas de calado o barco non pode atracar nos seus pantaláns, e Porto do Son é o porto máis próximo. Hoxe van traballar na ría de Muros-Noia. Noutras ocasión saen fóra da ría, pero non moitas, o máximo unhas dez millas.

Abordo traballan tres homes: Suso Triñanes, que pasou moito tempo lonxe do mar pero sentiu a necesidade de volver, e fai disto tan só uns meses. El empezou no mar sendo moi novo pero diversas circunstancias fixeron que emigrara a Suíza, e alí pasou unha importante parte da súa vida ata que embarcou en barcos de pasaxeiros nas Illas Baleares, e alí comezou o seu retorno, que culminou co regreso a Noia, primeiro estivo traballando na fabricación de nasas, e neste traballo coñeceu a Segundo Blanco, patrón e armador do Moa, que lle propuxo embarcase con el, e Suso non o pensou porque era o que realmente quería, volver ao mar. Agora xa leva uns meses no Moa, e reafirmando que o mar é sen dúbida o seu lugar.

Efrain Sánchez, que a el o mar venlle de herdanza familiar, aínda que el sempre se dedicou ao marisqueo. Pero en Noia o marisqueo é unha actividade na que se traballa só unha época do ano. E por isto chegou un momento en que Efrain buscou unha actividade con máis continuidade, foi cando tivo o seu fillo. E sendo de alma mariñeira buscou algo no que seguira relacionado co mar, e nada máis relacionado co mar que a pesca e atopou traballo no Moa, onde xa leva un ano, e como el mesmo di espera que sexa o seu lugar durante moitos anos. E é un home de actitude moi mariñeira.

Longa tradición

O patrón é Segundo Blanco, que ven dunha longa tradición, a súa familia traballa o mar dende tempos que se perden na memoria, e por isto é posuidor dun sentir mariñeiro moi profundo. Na súa casa non se coñece outro oficio que o mar, e para el é un orgullo seguir a tradición familiar, porque dende moi neno tivo claro que ser mariñeiro tiña que ser o seu futuro. Aínda é novo así que lle quedan moitos anos de gozar da actividade mariñeira, aprendeu o oficio do seu pai, que tamén se chama Segundo Blanco, e é un mariñeiro de referencia nesta ría. Segundo nos conta que lle gusta moito traballar a nasa, aínda que tamén traballa os aparellos de rede, pero a nasa foi co que empezou ao mar e por isto tamén ten un valor sentimental.

No medio da noite ao Moa chega un aviso de socorro, resulta que outro barco de Noia, o Dorimi, avisa de que ten unha avaría no motor e quedou á deriva. O Moa ten que ir ao rescate, e consigue remolcar ao Dorimi ao porto de Portosín, sen que haxa ningún accidente. Logo o Moa volve a zona onde largara as nasas para seguir a noite de traballo.