A programación da canle pública galega métese de cheo esta semana na celebración do Día das Letras Galegas, que este ano destaca a figura e a obra de Ricardo Carvalho Calero, catedrático, crítico, creador literario ferrolán e autor da Historia da Literatura Galega Contemporánea. Durante estes días, os espectadores poderán ver longametraxes galegas destacadas, documentais, contidos específicos sobre o escritor e espectáculos musicais, en primicia en televisión, como a primeira ópera en galego, entre outras propostas culturais. Os amantes do cinema terán dúas destacadas estreas na TVG, con selo galego. A primeira proposta, A estación violenta, a adaptación cinematográfica da novela homónima de Manuel Jabois e primeira longametraxe de Anxos Fanzás, poderase ver o 14 de maio, tras a emisión do Land Rober Tunai Show. Na tarde do Día das Letras, estrearase en aberto A Sombra da Lei, película de acción e de época do monfortino Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista.

Cómpre salientar tamén a estrea en televisión, o 16 de maio na G2 e ao día seguinte na TVG, da representación de A amnesia de Clío, a primeira ópera galega do século XXI, dirixida por Marta Pazos, coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, o Centro Dramático Galego e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. Esta peza contemporánea, composta por Fernando Buide, escrita polo dramaturgo Fernando Epelde e con Paul Daniel na dirección musical, propón unha viaxe extravagante en que se mesturan a realidade histórica e a ficción política. O 17 de maio, os espectadores poderán gozar na G2 co espectáculo musical Son galego, son cubano (TVG, 18 de maio), desenvolvido por Roi Casal.