31 de mayo de 2020
31.05.2020
La Opinión de A Coruña

Rivadulla adéntrase no 'Playa de Nemiña' na sorte dun palangreiro a prol do congro

A TVG emite hoxe unha nova entrega de 'Embarcados' a bordo dun pesqueiro de Muxía no que os membros da súa tripulación explican os secretos da faena

31.05.2020 | 00:54
Xosé Henrique Rivadulla, á esquerda, director e guionista do programa 'Embarcados', conversa con Víctor Alcaina, novo no palangreiro.

Co título Playa de Nemiña, a vida en cada anzol, a serie Embarcados adéntrase esta mañá, (TVG, 11.00 horas) no traballo e a vida dos mariñeiros a bordo deste pesqueiro con base no porto de Muxía, que traballa o palangre de fondo para a captura de congro, un peixe bravo que hai que tratar con coidado, pois a súa mordedura pode facer estragos.

"Hoxe imos faenar fronte ao santuario da Nosa Señora da Barca, da que son devotos os mariñeiros de Muxía, e agardamos que coide deles e de que o mar non se poña rabudo, como é habitual nesta costa. Saímos ao mar ás cinco e media da madrugada e o tempo presaxia chuvia e marexada. Dinnos os mariñeiros que as ondas poden chegar aos tres metros", explica Xosé Henrique Rivadulla, guionista e director de Embarcados. O palangre consiste nunha liña nai da que penden outras liñas nas que van enganchados anzois co que se pescan os congros, e tamén outro tipo de peixe, como pescadas, abadexos, ollomoles, cabracho, gallineta... Pero no Playa de Nemiña, dedícanse fundamentalmente á pesca do congro.

A tripulación está composta por Luis Romaní, sabio mariñeiro de moitas mareas, experimentado en diferentes artes, e sobretodo no palangre. Un home de carácter alegre, que é unha peza central na tripulación do Playa de Nemiña. O patrón di del que na practica é o contramestre do barco, quen ordena os traballos en cuberta, e o propio patrón Iago Guisamonde di que aprendeu moito do oficio do palangre de Luís. Nós con Luís aprendemos que o palangre é un oficio onde os mariñeiros teñen que andar espelidos. Pode dicirse que o palangre é a arte que precisa un maior grado de especialización por parte dos mariñeiros.

Roberto López, tamén ten moito mar na súa memoria, e encárgase do halador, é o primeiro e enfrontarse aos congros. O halador é a máquina coa que se levanta o palangre largado no mar. Roberto ten que ir sacando cada congro do palangre. Cóntanos que o congro é un peixe perigoso, porque é moi forte e tarda moito en morrer, e trata de trincar para defenderse, e cando morde pode arrincar os dedos do mariñeiro. Roberto é un profundo amate deste oficio, afirma con rotundidade que el é feliz traballando o mar.

Victor Alcaina está empezando no oficio, e amosa moitas gañas de aprender, porque quere que a súa vida sexa o mar. Leva menos dun anos traballando o mar, así que aínda está aprendendo o oficio, tanto no aspecto técnico como no que significa a vida do mariñeiro.

Agora encargase, cando se larga o palangre, de ir colocándolles as cestas do palangre a Luís e Roberto para que eles vaian largando o palangre ao mar. Cando recollen o aparello, Victor dedicase a ir reemprazando os anzois que se perden cos congros. E o patrón do pesqueiro é Iago Guisamonde, un patrón novo que é garantía de futuro no mar. O Playa de Nemiña, é o primeiro barco no que vai de patrón, e ao velo en faena diriamos que leva moitos anos mandando barcos pero leva pouco máis dun ano, pero xa tiña a experiencia de traballar de mariñeiro. E explícanos que o traballo de patrón é moi distinto ao traballo do mariñeiro.

O patrón ten a responsabilidade de que o barco pesque, e tamén a responsabilidade da vida dos mariñeiros que leva a bordo, e para a pesca do congro hai que largar moi preto de baixo onde pode tocar o barco, e Iago conta que os primeiros meses viviunos con moita tensión, e tiña o soño recorrente de ir co barco enriba das pedras.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook