A Televisión de Galicia presenta un sábado de estreas coas que a canle pública galega quere homenaxear esta sobremesa o pobo galego, pola súa loita durante a Covid-19 e en lembranza ás persoas que nos deixaron, coa emisión do concerto especial Un canto á vida, de Rosa Cedrón e Cristina Pato, e do documental sobre a crise sanitaria en Galicia Baixo a pandemia. A continuación, chegará á Galega Que nos pille rebolando!, un novo magazine que buscará converter nunha festa cada emisión.

O concerto Un canto á vida, das intérpretes Rosa Cedrón e Cristina Pato comezará as 15.30 horas, nun evento organizado na contorna monumental de San Domingos de Bonaval en Compostela. Este é un concerto íntimo e sen público -que tamén se poderá seguir a través da web da Crtvg-, no que as dúas artistas comparten o abano de sensacións e emocións vividas durante estes tempos. A cantante e cellista monfortina Rosa Cedrón e a pianista e gaiteira ourensá Cristina Pato ofrecerán algúns dos grandes clásicos da música e da literatura galega, así como doutras obras do repertorio universal, entre eles Negra sombra, Lela, Os teus ollos e Soedades. Tamén, senllas versións en galego de What a wonderful world e La vita é bella.

Televisión de Galicia continúa coa estrea de Baixo a pandemia, un documental sobre a crise sanitaria que establecerá unha cronoloxía dos feitos, desde que se comezou a falar do virus, os inicios dos contaxios e a declaración do estado de alarma, amosando como se viviu a situación en Galicia e como foi o esforzo colectivo para facerlle fronte. Dirixido por Mercedes García-Nieto, o documental foi realizado desde unha visión intimista e personalizada en casos reais.