23 de junio de 2020
23.06.2020
La Opinión de A Coruña

A Radio Galega promove un concurso musical sobre a figura de Carvalho Calero

A Asociación Galega da Lingua organiza a iniciativa, que terá unha sección semanal no 'Diario Cultural'

23.06.2020 | 00:39
Carvalho Calero.

A Radio Galega e a Asociación Galega da Lingua (AGAL) organizan o concurso Musicando Carvalho Calero ao que poden presentarse solistas e grupos de calquera estilo musical e que ten como obxectivo dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

Os/as interesados/as en participar teñen que enviar unha canción en formato .mp3 a musicando@carvalho2020.gal. Os temas deberán estar licenciados baixo Creative Commons. As bases e recursos sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero pódense consultar en http://diariocultural.gal e tamén en http://musicando.carvalho2020.gal, onde se ofrece unha sección con material para elaborar os temas musicais e escoller o texto que mellor se adapte a cada estilo. Así, pódense musicar poemas completos ou fragmentos, modificalos, facer variacións de frases ou palabras -sen perder o significado xeral-, recurtar ou colar fragmentos de diferentes poemas, engadir frases propias que sexan concordantes co orixinal, etc.

O prazo para enviar as cancións remata o 22 de setembro. As cancións finalistas estarán colgadas na páxina web http://diariocultural.gal e no site http://musicando.carvalho2020.gal para que poidan ser escoitadas en todo o mundo.

Un xurado, composto por persoas vinculadas ao mundo da música, ademais de a AGAL e á Crtvg, fará unha elección de 10 temas finalistas, que pasarán por unha fase de votación popular na rede para escoller a canción vencedora. Os nomes dos gañadores coñeceranse o vindeiro 30 de outubro, 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero.

O premio para o grupo ou solista gañador, por parte da Crtvg, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. O/a gañador/a poderá gravar o seu tema nos estudos de Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio metálico ao gañador de 1.500 euros.

A posta en marcha deste concurso deu pé, desde onte mesmo, a unha sección semanal na edición matinal do programa Diario Cultural, en que se irá debullando a figura de Carvalho Calero, se explicarán as bases do certame e se animará a xente a participar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook