O Berbés, en Vigo, é un dos centros mundiais da pesca, un dos portos con maior actividade do mundo e é tamén un barrio transcendental na cidade olívica. Así pois, O son da ribeira interesarase hoxe na TVG pola actividade pesqueira e o que aporta como barrio a esta cidade e, por suposto, a música que ao longo do tempo foi inspirando: o cancioneiro do Berbés.

Nesta edición escoitarase, interpretada polo grupo de música tradicional Abóbriga, a Muiñeira do Berbés, que está composta por Moncho Soto, peixeiro no porto do Berbés. X. H. Rivadulla Corcón falará con Loli Hernández, nacida no Berbés, que é unha cronista fabulosa das últimas sete décadas da historia deste barrio e que foi parte do grupo As cantareiras do Berbés. O espazo tamén estará coa xente nova do barrio, as novas xeracións, como é o caso de Fiz Axeitos, que traballa para a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo.

Tamén recuperará a gravación dunha actuación que fai anos realizaron as Cantareiras do Berbés, Boney M e os coruñeses Diplomáticos de Monte Alto, para interpretar un tema destes últimos, dedicado ao Berbés.