Unha produción da Televisión de Galicia (TVG) acaba de ser recoñecida cun novo premio europeo. O documental Máis ca vida, dirixido polo galego Rubén Riós, foi destacado coa mención especial dos premios europeos Prix Circom na categoría Minorías en sociedade, segundo anunciou onte Circom Regional, a Asociación Europea de Televisións Públicas Rexionais.

O documental Máis ca vida forma parte dun proxecto audiovisual que busca romper barreiras e estereotipos. Cunha duración de case 50 minutos, este traballo xorde da gravación dunha curtametraxe rodada en Ourense, que conta cun grupo de persoas con discapacidade intelectual como protagonistas e coa colaboración dun elenco de actores tan coñecidos como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luís Iglesia. Este documental, producido por Claqueta Coqueta e participado pola canle autonómica galega, foi estreado na canle pública galega o pasado mes de marzo.

O xurado dos Prix Circom, no que participa unha trintena de países, destacou de Máis ca vida, que se trata "dunha experiencia cativadora, unha idea orixinal e interesante; emocionante e tecnicamente moi boa".

Máis ca vidaconstruíuse con testemuños reais do día a día que rodea as persoas con algún tipo de discapacidade e plasma en imaxes os momentos de ensaio aos que tiveron que enfrontarse de cara á rodaxe, cos seus medos, ledicias, interrogantes, dificultades, fatigas e sentimentos. Desta obra nace o método Máis ca vida, creado por Riós, que utiliza o audiovisual como ferramenta de inclusión con persoas en vulnerabilidade ou risco de exclusión social, e ademais de empoderalos na súa vida diaria os forma nos distintos perfís profesionais do sector.