A Televisión de Galicia (TVG) estrea mañá pola noite A voltas coa música, un concurso musical que, con diversión, desenfado e dinamismo, fará xogar a toda a familia. O cómico coruñés Luis Piedrahita, moi coñecido polos espectadores galegos polas súas continuas intervencións artísticas en medios de comunicación, será o encargado de capitanear este gameshow co seu característico humor e axilidade mental. O dinamismo será tamén unha das condicións ás que deberán facer fronte, en cada edición, os cinco concursantes que terán que superar variadas probas relacionadas coa música para facerse cun bote de ata 12.000 euros.

Os xogadores competirán entre eles para amosar os seus coñecementos musicais mentres dan voltas sobre si mesmos nun disco que non para de xirar. Homes e mulleres, uns máis novos e outros con máis experiencia, terán que enfrontarse a cinco probas, coa música e os seus coñecementos como protagonistas. En cada programa, un artista convidado axudará os concursantes e deleitará o público con algún dos seus éxitos.

Cancións con pista, Tenche que soar, Segue a letra, Retrouso e G ueropa! son as probas que deberán superar para chegar á gran final. Só pasarán dous deles, que se enfrontarán entre si en Chegou a melodía co obxectivo de facerse cos cartos acumulados durante as probas. O gañador levará como premio, ademais, o seu vinilo.