O programa Na mente do asasino analizará na entrega de hoxe na Televisión de Galicia (TVG) un dos casos máis mediáticos dos últimos anos, o do asasinato de moza madrileña Diana Quer, que tivo en vilo a súa familia e a toda España durante case 500 días.

José Enrique Abuín, alías O Chicle, abordou a Diana Quer cando regresaba á súa casa das festas do Carme dos Pincheiros, na Pobra do Caramiñal, o 22 de agosto de 2016. Meteuna no maleteiro do seu coche e levouna ata unha nave da parroquia de Asados, en Rianxo. Alí agrediuna sexualmente e acabou coa súa vida. Conseguiu eludir a xustiza, ata que un novo intento de agresión sexual na veciña localidade de Boiro ofreceulles ás forzas de seguridade a pista definitiva. O Chicle cumpre no cárcere de Mansilla de las Mulas, en León, pena de prisión permanente revisable, pendente do seu último recurso diante do Tribunal Supremo.

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, do xornalista Javier Romero e do avogado Ricardo Pérez Lama, entre outros, o programa Na mente do asasino afondará no caso e nos detalles dos feitos.

A continuación, na mesa de debate do espazo da canle autonómica, intervirán o pai da moza madrileña, Juan Carlos Quer, a forense Patricia Alcaraz, o avogado Ricardo Pérez Lama e o xornalista Javier Romero.