Territorio, paisaxe, patrimonio, historia. Os concellos da Coruña contan cun xeneroso sistema de recursos de interese turístico que queremos reivindicar sumando forzas, ofrecendo unha riqueza compartida por vínculos de unión tecidos ao longo dos séculos. O Parque Arqueolóxico do Megalitismo, o proxecto de Xeoparque de Ortegal, o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro e Compostela Rupestre forman parte do novo Plan de Patrimonio da área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia destes proxectos, que contan coa implicación de 29 concellos coruñeses e que pretenden "preservar e divulgar a enorme riqueza patrimonial, histórica, arqueolóxica e etnográfica" da provincia da Coruña cun investimento que alcanzará os 2 millóns de euros nestas catro zonas da provincia.

"O patrimonio necesita unha estratexia territorial que sirva para aumentar o coñecemento da sociedade local, valorar o patrimonio e que sexa interesante para as persoas que o veñen a coñecer", sinala o deputado responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para quen o proxecto de parques da Deputación da Coruña tenta "articular o territorio arredor do patrimonio cun relato coherente". Na liña de actuación de promoción e desenvolvemento turístico, para un horizonte 2020, desde a Deputación da Coruña estase a desenvolver o Plan de patrimonio no que se insiren distintos proxectos arredor do patrimonio xeolóxico e arqueolóxico, forxados na cooperación intermunicipal.

O proxecto do Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, o Parque do Megalitismo na Costa da Morte, Compostela Rupestre nas Terras de Santiago e o Parque da Idade do Ferro compartido entre as rías de Arousa Norte e Muros-Noia propoñen unha nova maneira de artellar o territorio coa mirada na promoción turística e na conservación do patrimonio. Convidámosvos a que vos poñades en ruta, a que vos perdades e reencontredes nos acantilados marítimos máis altos, na maior densidade de castros investigados de Europa, dos complexos arqueolóxicos con máis concentración e diversidade de petróglifos en Galiza ou nos dolmens ou catedrais do megalistismo e o seu uso astronómico.

Xeoparque de Ortegal

O Xeoparque Mundial é un recoñecemento da Unesco dirixido á conservación e divulgación dos ámbitos territoriais cun patrimonio xeolóxico singular. Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño están adheridos á comunidade intermunicipal que suma forzas para avanzar na consolidación do proxecto de Xeoparque de Ortegal, capitaneado pola Deputación. Cunha extensión de 580 quilómetros cadrados, un territorio que ten os acantiados marítimos máis altos do continente e caracterízase polo contacto entre a litosfera continental e oceánica, cun afloramento de materiais duns 350 millóns de anos.

Parque Arqueolóxico do Megalitismo

A Costa da Morte evoca a cultura neolítica con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias que compoñen unha das mostras mellor conservadas e máis representativas da nova idade da pedra en Galicia. Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan das tumbas monumentais ou dolmens como o de Pedra Moura, Pedra Cuberta, Pedra da Arca, Fornela dos Mouros e o Dolmen de Dombate. A Deputación da Coruña participa no desenvolvemento do parque que se estende por Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Parque Arqueolóxico Idade do Ferro

Arousa Norte e Muros-Noia teñen a maior densidade de castros investigados cientificamente. O seu conxunto territorial aparece identificado desde fontes clásicas romanas e conta cun relato arqueolóxico común que ten o seu cerne na evolución da sociedade na Idade do Ferro. O castro de Baroña é un dos eixes centrais do plan que inclúe outros poboados fortificados celtas como o castro de Isorna, Neixón, Achadizo, Postmarcos e da Cidá. Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e o Porto do Son forman parte coa Deputación da mancomunidade creada para fomentar o patrimonio histórico, artístico e natural que fai viaxar á Idade do Ferro.

Compostela Rupestre

Na contorna do Val da Maía e do Ulla atopáronse nos últimos anos un total de 120 petróglifos nos seus 52 parques rupestres, desde formas animais e armas ata cruceiros e labirintos. Val do Dubra, Santiago, Ames, Brión, Boqueixón, Teo e Vedra son os concellos que, xunto coa Deputación, formalizaron a constitución da comunidade intermunicipal para o proxecto Compostela Rupestre coa idea de conservar e difundir un patrimonio único dunha gran riqueza histórica e artística. O proxecto ten vontade de agrupar medios persoais e materiais e recursos económicos das corporacións participantes para xestionar a arte rupestre.