Arredor de 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións galegas actuarán no Intercéltico de Lorient , que xa é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos. Con tal motivo, a Xunta aceptou o convite da organización para apoiar e reforzar o desembarco galego na localidade bretona. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou onte en Santiago a programación galega que acollerá do 2 ao 11 de agosto a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, na que este encontro da cultura celta celebra o Ano de Galicia. Forman parte dela algúns dos nomes máis internacionais da música galega, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas renovadores da nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque e agrupacións como Xacarandaina.

Así o detallou Román Rodríguez no acto que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, que contou tamén coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21; Lisardo Lombardía, director xeral do Festival Intercéltico; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, e o gaiteiro Pablo Seoane, en representación da delegación artística que viaxará en agosto a Lorient. A presentación incluiu a achega musical de A Banda das Crechas, ademais de congregar integrantes doutros dos grupos que actuarán no encontro.

Tras lembrar os vestixios históricos da presenza dos bretóns en Galicia nos séculos V e VI, coa fundación da diocese de Bretoña como un dos seus fitos, e mais a vinculación de ambos os territorios a través da Vía Turonensis que entroncaba co Camiño de Santiago, o conselleiro fixo fincapé na música como un dos máis frutíferos nexos de unión que manteñen Galicia e Bretaña, co festival como epicentro.

Incidindo nesta idea, o Théâtre de Lorient acollerá o 3 de agosto a estrea de Os camiños de Breogán, no que participarán 130 artistas, encabezados pola Banda de Música de Silleda xunto a Davide Salvado, Abraham Cupeiro, Begoña Lorenzo, José Manuel López, Bouba, Pablo Seoane, Suso Vaamonde, Xirandela e a Banda de Gaitas de Forcarei.

Ademais, Galicia contará cunha carpa desde a que reforzará a promoción tanto da nosa música como do potencial como destino cultural, gastronómico e turístico, coa ollada posta na celebración do Xacobeo 21. A Ruta Xacobea amosarase a través da exposición fotográfica O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, de Manuel Varcárcel.