A segunda temporada do FEST Galicia, a marca da Xunta que está a promover o turismo musical sostible e de calidade, arranca hoxe no Resurrection Fest de Viveiro, o máis grande e internacional de todos os festivais galegos. Esta será a primeira das 12 citas que forman parte desta iniciativa transversal, que en 2019 se desenvolve co lema Festivais que fan camiño. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron onte o recinto no concello de Viveiro acompañados dos organizadores da cita.

Para esta nova edición de FEST Galicia, deseñouse un espazo de difusión renovado e versátil, no que se continúa apostando polos materiais reciclados e que disporá de diferentes versións adaptadas a cada un dos festivais nos que a marca estará presente. Este stand funcionará como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental, que no caso concreto do Resurrection serán impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo.