Máis de 260 pezas servirán para "reencontrarse" co compromiso e a polivalencia de Isaac Díaz Pardo no ano do centenario do seu nacemento, celebrado precisamente onte, 22 de agosto. A exposición As miradas de Isaac poderase visitar desde o próximo 6 de novembro ata o 4 de abril na Cidade da Cultura de Galicia.

A mostra foi presentada onte polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a modo de "mirada global" a unha obra variada que buscou a recuperación da memoria e a modernización de Galicia. Pola súa banda, a directora do Gaiás, Ana Isabel Vázquez, destacou o obxectivo de reivindicar o que significou e dalo a coñecer, sobre todo, entre as novas xeracións.

O cartel ten como imaxe a dun autorretrato inédito de Díaz Pardo de mozo que nunca se expuxo e que apareceu en 2019 nun cartafol de documentación que gardaba no seu arquivo persoal. Ninguén da familia o coñecía e está debuxado a lapis, datado en 1940.