Dunha "intelixencia teimosa", capaz de facer realidade os proxectos máis ambiciosos, utópicos a primeira vista. Cúmprense (onte, en concreto, 22 de agosto) cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo (Santiago 1920-A Coruña 2012), unha figura única na historia galega do século XX: artista, empresario, activista cultural e, sobre todo e no fondo de todo, un home de ideas, clave para entender o galeguismo e a evolución no último século.

Intelixente, emprendedor e cun carácter difícil, segundo destaca de Díaz Pardo a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez: "dalgún xeito condensa algúns dos trazos menos amables da cultura galega contemporánea: supervivinte da Galicia republicana e orfo da refresión fascista, coñecedor directo da emigración aínda que ben acollido nos ambientes do exilio arxentino", apunta Álvarez.

Con motivo do centenario do seu nacemento o Consello da Cultura Galega poñerá en rede o epistolario cruzado con Luís Seoane. É a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saen á luz, xa que as de Seoane xa foron publicadas en 2004 por Edicións do Castro. O epistolario preséntase cun limiar contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. "Este epistolario mostra que os seus autores eran dúas persoas que traballaban de modo conxunto, na Arxentina e Galicia, para crear ese proxecto transformador. Facíano nun contexto no que actuaban outros grupos como o de Galaxia e, máis na distancia, o promovido por Cantón-Filgueira", sostén Villares.

Agora poden lerse as 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras imprescindibles da cultura galega, intercambiaron entre 1957 e 1979. A través desta correspondencia poderase descubrir a intrahistoria do laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside; coñecer a opinión destes galeguistas sobre o traslado do corpo de Castelao; a problemática en que se atopaba o galeguismo no interior de Galicia; os habituais desencontros coa censura e as súas accións no exilio. Por iso o epistolario supón un testemuño destacado do que foi o franquismo durante a segunda metade do século XX e de como o viviron os seus protagonistas, mais tamén da conexión íntima entre a Galicia europea e a Galicia americana, nomeadamente a do exilio e a emigración a Bos Aires.

As cartas revelan a un Luís Seoane artista, intimista, reflexivo pero tamén moi activo e ás veces anoxado polo devir da sociedade galega, segundo resume o propio Consello da Cultura Galega.

Pola contra, as cartas de Díaz Pardo, o home práctico, están máis centradas en cuestións e problemáticas concretas. Díaz Pardo, que vivía a cabalo entre Galicia e Arxentina pendente das fábricas de cerámica, e Seoane, que mantivo estadías en múltiples países detrás de exposicións, eventos e da súa produción artística, mantiveron un fondo interese pola situación política e social do país.

Ramón Villares, asegura que "os dous persoeiros tiñan valores partillados, pero ideas non sempre coincidentes, de modo que se trata dun diálogo entre dúas persoas xeniais que eran capaces de convivir e de discutir francamente, de discrepar e mesmo de ter desencontros, sen chegaren a romper, e non de todo, ata pouco antes da morte de Seoane".

O epistolario forma parte dun especial web que se irá arrequentando con máis contidos nos vindeiros meses. Agora, ademais do breve artigo introdutorio de Ramón Villares, preséntase acompañado dunha serie de catro reportaxes elaboradas desde culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega.

A primeira céntrase na actividade no exilio galego; a segunda analiza as reflexións sobre o fenómeno migratorio, a situación das colectividades galegas en distintos países e a situación do país; segue a intrahistoria da creación de Sargadelos; e, por último, as diferentes visións da arte. Así empeza o traballo documental que se estrea: "Este diálogo epistolar sostido por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo durante dúas décadas ultrapasa o rexistro amical e familiar para se converter no diario dun proxecto cultural, construído a catro mans na Arxentina e Galicia. Por primeira vez poderán ser lidas as cartas escritas por Díaz Pardo, que adquiren un valor específico ao se colocaren a carón das de Seoane".