Raül Refree ten ás súas costas unha máis que interesante carreira musical, tanto con proxectos propios como na súa faceta como produtor. Artistas como Josele Santiago (Los Enemigos), Lee Ranaldo (Sonic Youth), Silvia Pérez Cruz, Rodrigo Cuevas ou Christina Rosenvinge teñen solicitado a súa colaboración para os seus traballos discográficos.

Destaca tamén a agora mesmo a omnipresente Rosalía, cuxo primeiro disco, Los Ángeles foi producido por Refree, quen tamén a animou a gravar a escura versión de I see a darkness, de Will Oldham/Bonnie Prince Billy. Agora Raül Refree anda pola terra de outra Rosalía, da “nosa” Rosalía de Castro, empapándose da tradición musical galega. Un percorrido que onte o levou ata Bueu (Pontevedra) para entrevistarse con Xulia Feixoo e Guillerme Costa e coa pandereteira da illa de Ons María López, máis coñecida como María do Caño ou María do Brisiñas.

Refree leva toda a semana en Galicia —pasou varios días na cidade da Coruña— nunha especie de residencia artística coa colaboración de Luneda Producións, para coñecer as principais fontes do patrimonio musical galego e manter encontros con algúns dos proxectos de referencia, como FAIA, Pan sen Fron, Tanxugueiras, Antía Ameixeiras ou Pedro Lamas. Pero o músico catalán tamén ten interese pola recollida e compilación da música tradicional. Así, achegouse onte a Bueu para entrevistarse coa etnomusicóloga Xulia Feixoo e co gaiteiro e compilador Guillerme Ignacio, integrantes do grupo de traballo Arredor da tradición. “Para nós é moi importante que queira coñecer o noso traballo. Non só por nós, senón porque estivo con xente que toca no estranxeiro e ten un verdadeiro e profundo coñecemento da tradición”, destaca Ignacio. Suliña que Refree defende uns plantexamentos “en consonancia cos nosos porque o que lle interesa é ir á propia fonte e ás mestras da tradición”. Amais, Refree estivo nos días previos con Quique Peón, Xurxo Fernandes e Pablo Díaz. No caso da Coruña os encontros cos musicos foron en lugares coma o castelo de San Antón ou o Aquarium Finesterrae.

A estancia de onte en Bueu permitiulle estar en contacto cunha desas mestras da tradición ás que se refire Guillerme Ignacio: a pandereteira María do Caño, natural da illa de Ons. Refree coñeceuna pola entrevista de Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio para o Consello da Cultura Galega. Guillerme Ignacio coñeceu á pandereteira a raíz do seu traballo como coordinador do dobre disco Elelelos, impulsado polo grupo Retrouso entre 2013 e 2014. “Comecei a traballar con ela daquela e trátase dunha persoa con moitísimo valor. É unha verdadeira mestra da tradición pola cantidade de cantares que coñece, o ben que toca e porque é unha grandísima informante da tradición musical da illa de Ons”, explica. Raül Refree foi onte testemuña de excepción de todo ese saber, nunha casa situada na parroquia de Cela, cunhas vistas privilexiadas sobre a ría de Pontevedra, onde está a singular illa de Ons.

Todo este encontro cristalizará nun traballo que podería ver a luz nun par de anos, razón pola cal o propio Refree de momento evita facer declaracións ao respecto. Esta serie de entrevistas, que está a facer por toda a comunidade galega,quedarán documentadas coas fotografías de Rocío Cibes e a cámara do cineasta Fon Cortizo.

Na parte máis pública desta residencia artística, Refree mantivo un encontro coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Este concello é un dos apoios do proxecto, que tamén levou ao músico e produtor catalán a coñecer o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), do Museo do Pobo Galego, en Santiago.