La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Aida Tarrío Membro de Tanxugueiras

“Queremos trasladar a todas as nenas que poden chegar onde elas queiran”

“O noso plan é xirar e xirar e levar a nosa cultura a todos os escenarios posibles”

Aida Tarrío, coa trenza na man, primeira pola esquerda. ROCÍO CIBES

Tanxugueiras actúa o sábado 26 de marzo na sala Pelícano, a partir das 22.00 horas, volven aos escenarios despois do Benidorm Fest e de toda a polémica co xurado que as deixou fóra de ser as representantes de España en Eurovisión. Aida Tarrío reivindica ás mulleres que conseguiron manter viva a tradición oral galega e tamén ás que virán despois delas.

Logo do Benidorm Fest e da exposición mediática, agora empeza a xira, onde o público pode amosar se o seu apoio a Tanxugueiras ía máis alá de mandar un sms ou de indignarse en redes sociais, como esperan q sexa está xira?

Estamos moi ilusionadas. Non hai cousa que nos guste máis que estar enriba dun escenario e amosar a nosa cultura. Levamos moitos meses traballando nesta Xira Midas e oxalá poidamos devolver ao público todo o cariño que recibimos estes meses.

Temen que o público marche tan rápido como chegou ou confían en que Terra calase na xente e que responda á súa música?

Nós estamos encantadas de vir para quedar, e esperamos que todo o público novo que chegou nos queira acompañar neste camiño. É certo que na última quenda de concertos da Xira Contrapunto, desde o verán, xa esgotabamos todas as entradas, pero claro, agora a exposición é moito maior e é unha alegría ver que a música de raíz galega chega tan lonxe.

Se lles din hai dous anos que ían estar en moitísimos festivais e salas e que estiveron a piques de ir a Eurovisión, creríano?

Levamos moito tempo traballando para levar a música galega e as pandeiretas a escenarios nos que nunca estiveran. E co Benidorm Fest conseguimos ese impulso e chegar a promotoras, festivais que posiblemente nunca pensaran en tres mulleres pandeireteiras no seu cartel. Iso é moi forte para nós e por todas as que viron antes ca nós.Tiñamos moita ilusión de estar no SonRías, porque levamos tempo colaborando e cantando con outros grupos, e iso era unha ilusión que tiñamos. Pero estar no mesmo verán no SanSan, no Crüílla, no Conexión Valladolid ou no Río Babel, compartindo cartel con xente a quen admiramos... é un soño!

Terra é un fenómeno xa, cántase nas escolas, báilase nos ximnasios e non só en Galicia, seguen todas as iniciativas que se fan arredor da canción ou xa están noutra onda? E , das que saben que se fixeron, cal é a que máis lles gusta?

Isto é o mais emocionante de todo. Ver a xentiña nas escolas, no Entroido, que viven Terra e Tanxugueiras coma algo de seu, ese orgullo que senten da nosa tradición, lingua, música. Vemos moitos vídeos que nos chegan por redes, ao correo... É abrumador é, á vez, marabilloso poder vivir esta vaga de orgullo polo noso. Oxalá que dure moito, pero non só con nós, senón con tantas músicas, cantareiras e tocadoras galegas.

Ás veces pasa que hai artistas que detestan a canción que máis coñecidos e coñecidas os fixeron, corren o risco de que lles suceda o mesmo con Terra?

Terra fixémola con toda a intención do mundo e gústanos moitísimo, claro, e sobre todo ver como viviu a xente a canción. Todo o que facemos ou o que dicimos é porque cremos niso, porque estamos orgullosas e seguras. Gústanos Terra igual que Midas ou Averno, mais o que conseguiu Terra, esa unión, é moito!

Senten responsabilidade por seren unhas das caras visibles da música tradicional galega e do que se pode facer con base na tradición?

Sempre tivemos claro que nós bebemos dunha tradición conservada por centos de mulleres que cantaron e mantiveron viva a nosa cultura. E agora mesmo temos a sorte de poder ser altofalante como pandeireteiras, non só como músicas, senón como mulleres empoderadas, autoras, creadoras. Nós o que queremos trasladar, especialmente as mulleres e particularmente a todas as nenas, é que poden chegar onde elas queiran.

Que plans teñen para despois desta xira? Gravar disco, tomar un descanso...?

Estamos rematando a gravación do noso terceiro disco; co tema de Benidorm adiamos os ensaios da xira e o remate do álbum, pero non lle queda nada para saír do forno. E ese é o noso plan: xirar e xirar. E levar a nosa cultura a todos os escenarios posibles.

Compartir el artículo

stats