Galiza Cultura, federación que aglutina a preto de trinta asociacións culturais de base espalladas por toda Galicia, presentou onte a edición e publicación dos catro primeiros volumes que recollen a obra completa de Manuel Lourenzo. No acto, celebrado na biblioteca de Deputación Provincial, participaron, ademais do propio dramaturgo, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril.

A edición e publicación das 300 pezas teatrais que conforman a obra de Lourenzo estará rematada a mediados de xuño nun total de sete volumes. Para editar e publicar as obras, Federación Galiza Cultura conta cunha subvención da área provincial de Cultura. Un traballo que compila “a obra dun dos imprescindibles o treatro galego” en palabras de Xosé Regueira, quen indicou que “se trata dun proxecto que, ademais de ser fermoso, é tamén necesario para a cultura e para o país”.

Os catro volumes que xa están editados recollen preto de 50 anos da produción teatral de Manuel Lourenzo. O primeiro volume abrangue a dramaturxia comprendida entre 1960 e 1882, o segundo vai de 1983 ata 1996, o terceiro de 1997 ata 2006, e o cuarto de 2007 ata 2009.

Manuel Lourenzo aproveitou a presentación para agradecer o esforzo de todas as persoas que se implicaron na recuperación e organización de todas as súas pezas teatrais, de diferente extensión e tipoloxía, e que supuxo tres anos de traballo.

Xosé Manuel Carril explicou que o 60% das pezas que se editan son traballos inéditos e fixo fincapé en que este proxecto está orientado a divulgar a obra “do dramaturgo máis prolífico do país” para facela accesible a todo tipo de públicos pero, especialmente, para compañías teatrais profesionais, grupos de teatro amadores e disciplinas relacionadas coas artes escénicas. “Grazas a Manuel Lourenzo hai teatro galego e hai teatro para Galiza” asegurou Carril.

“Piar” do teatro galego

“Como é sabido, Manuel Lourenzo é un piar básico no impulso das artes escénicas na nosa terra e figura central do teatro galego. Grazas a Manuel Lourenzo, o teatro en galego e o teatro para Galiza son realidade como expresión do teatro propio que precisamos para existir como pobo. Se hai teatro galego é porque el é o traballo constante de máis de medio século de creación exercida desde as máis diversas facianas: dramaturgo, pensador, director teatral de montaxes propias da dramaturxia galega e europea, tradutor dos clásicos, fundador de grupos e de proxectos colectivos de teatro de referencia e mestre de tantas xeracións de intérpretes”, destaca Galiza Cultura en una nota.