A xira dos Heredeiros da Crus polo seu 30 aniversario era un dos acontecementos do verán en Galicia. Pero finalmente tivo que cancelarse debido á doenza padecida polo seu cantante Javi Maneiro. Segundo informou este martes a súa produtora dotbeat! nun comunicado, “o pronóstico de Javi Maneiro é favorable pero precisará dun amplo periodo de recuperación”.

O grupo de rock informa que se “ve obrigado a suspender a exitosa xira de 30 aniversario despois do accidente cerebrovascular sufrido polo cantante Javi Maneiro”.

O artista sentiuse mal e con fortes dores de cabeza durante un concerto o 19 de agosto, en Pantón. Á mañá seguinte foi polo hospital de Monforte, onde recibiu medicación.

A pesar de todo, esa mesma noite a formación actuou en Redondela. Finalmente, un TAC indicou que o cantante Javi Maneiro tiña un vaso sanguíneo roto e acabou ingresado na uniades de cuidados intensivos (UCI).

Recalcan desde a súa axencia de representación dotbeat! que, “aínda que o seu pronóstico é favorable, o proceso de recuperación total será lento e a súa reaparición nos escenarios non ten data concreta”. Ante esta situación, “a banda agradece todas as mostras de cariño recibidas tanto polos fans como polos medios de comunicación e quere reiterar a mensaxe positiva do bo estado de saúde de Javi dentro da gravidade que conlevan estes asuntos”.

Cando aconteceu o accidente, Fran Velo, o baixista de Heredeiros da Crus, escribiu o seguinte en Instagram sobre o seu compañeiro Javi Maneiro: “Este señor co que saio na foto non so é un crack, é algo máis. Durante estes 30 anos, vino cantar con febre, con costelas rotas e mesmo cunha perna inmovilizada e saltando polo escenario sen muletas durante dúas horas coma se nada. É o tipo mais duro que coñezo. Pero o que vivimos a pasada fin de semana está fóra do normal”.

Esta xira do 30 aniversario tiña previsto percorrer 20 localidades de toda Galicia. Os Heredeiros da Crus deron exitosos concertos como o da Praza da Quintana en Compostela, o de Pontevedra ou o celebrado na Coruña polas festas de María Pita. Como dixo o guitarrista Tonhito de Poi nunha entrevista con este diario, “menos mal que nos concertos hai vallas antipánico que se non saltábamos polo aire”.