Dar a coñecer e por en valor o traballo do asociacionismo galego é o propósito de A porta aberta, un programa realizado por Producións Celta que se estrea esta noite, ás 21.30 horas, na TVG2. O espazo, de emisión diaria —de luns a venres— adicará cada un dos seus episodios a unha entidade social concreta, tratando de abarcar ámbitos diversos e tamén de abranguer todo o territorio.

Os capítulos ármanse en torno ao testemuño dos protagonistas. Membros, traballadores e beneficiarios dos colectivos son os encargados de dar a coñecer o labor que levan a cabo, a filosofía que sustenta a súa actividade e os valores que aportan á sociedade.

Dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, A porta aberta adicará hoxe a súa primeira emisión á asociación Ourives de Compostela. Baixo o título Actualizar a historia, o programa achégase a Santiago para amosar o traballo co acibeche e a prata que fan os ourives composteláns, herdeiros dunha tradición secular que continúa a aportar un valor identitario á capital de Galicia.

Arturo Ouro, presidente da asociación, Camilo Regueira, propietario da xoiería Regueira, e os ourives Adonis Suárez e Ricardo Rivas serán os encargados de amosar para o programa un oficio que, ademáis de unha actividade económica, exercen como un compromiso coa historia.

De Compostela, mañá xoves o espazo viaxará ata Vigo para abordar o día a día da asociación Músicas ao Vivo da man do seu xerente, o músico Manuel Alonso, e dos artistas Sheila Patricia, Najla Shami e Toño López, representantes dun colectivo moi dispar, no que conviven profesionais de disciplinas musicais ben diversas.

O capítulo, que leva por título Facer tanxible a música, céntrase na complexidade de conxugar os diferentes intereses dos membros dun colectivo que ten como propósito principal profesionalizar unha actividade que ten moito que aportar á sociedade e que precisa dunha estrutura sólida que sirva de plataforma para a creación.

O terceiro capítulo desta semana emitirase o venres e terá como protagonista á Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam), radicada en Cangas, aínda que presta servizo a toda Galicia. Descubrindo a luz toda contará coa participación da presidenta da entidade, Olga Sotelo, a traballadora social María Martínez e as socias Almudena Díaz e María José Rodríguez.

Desenvolver unha rede de apoio e axuda mutua que contribúa a mellorar a calidade de vida e o benestar das mulleres enfermas de cancro é o obxectivo central de Adicam, que nesta tarefa conta coa colaboración de familiares de doentes, persoas que superaron a enfermidade e outros voluntarios. Visibilizar a enfermidade e concienciar á sociedade da importancia de tecer esa rede solidaria tamén forma parte do seu traballo diario.