Leilía emprende a súa última xira

Leilía, nunha imaxe promocional .

Leilía, nunha imaxe promocional .

Máis de tres décadas despois de xuntarse co obxectivo de recuperar do esquecemento e divulgar a música popular galega, Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez anuncian a despedida do mítico grupo Leilía. Vidas cantadas, a súa xira actual, será a última, segundo elas mesmas confirmaron o pasado sábado durante o seu concerto na Festa do Queixo de Arzúa.

Pechan así unha andaina musical que deu comezo en 1989, cando estas seis mulleres, coas súas voces e pandeireta en man, tomaron a determinación de facer soar a tradición oral galega e reivindicar así a súa vixencia. Esta viaxe no tempo, da que dan testemuño cinco traballos discográficos, chega agora á súa derradeira etapa, coa que pretenden “pechar un círculo”. Desde o grupo lembran que, cando comezaron a súa andaina, o canto e a pandeireta “estaban esmorecendo” na Galiza. Porén, hoxe, botando a vista atrás, ven como “esta realidade mudou” e agora estes elementos forman parte das vidas de moitísimas persoas deste país.