A gala da cultura galega sinala un “rexurdimento sen límites” no sector

Marica Campo, Melania Cruz, Xacarandaina e Xosé Ramón Gayoso, entre os premiados

Os premiados con dirixentes da Xunta, onte en Lugo. |

Os premiados con dirixentes da Xunta, onte en Lugo. | / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Non só resistiu os difíciles anos da pandemia, que a paralizou en boa parte, senón que constatou unha extraordinaria proxección exterior con multitude de exemplos como o éxito inigualable das Tanxuqueiras, o recoñecemento á película As bestas nos Goya, a concesión do Premio Nacional de Narrativa a Marilar Alexandre, o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández a Ismael Ramos e o Premio Lazarillo de Creación Literaria en Literatura Infantil y Juvenil a Ledicia Costas. A cultura galega vive “un rexurdimento sen límites”, salientou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, que se celebrou onte en Lugo.

Arturo Fernández, xornalista da TVG, fixo de mestre de cerimonias e os artistas Juanma LoDo e Lucía Pérez ofreceron os seus espectáculos durante o acto, no que actuou tamén o Coro do Hospital de Lugo.

Manuel González González foi o primeiro dos galardoados en saír ao escenario para recoller o premio na categoría de Lingua, por ser un dos artífices da normalización da lingua en todos os ámbitos, cun incansable labor que abrangue a sociolingüística, a lexicografía, a terminoloxía ou a xeografía lingüística.

A continuación, Melania Cruz recolleu o galardón na categoría de Artes Escénicas pola súa particular visión de Galicia no teatro e no audiovisual.

Seguiuna a Asociación Cultural Xacarandaina, recoñecida co premio ao Patrimonio Cultural, que trata de por en valor os seus 40 anos de traballo na procura dos alicerces da cultura e polos espectáculos nos que os recupera e os espalla.

Victoria Carballo-Calero recibiu o premio ás Artes Plásticas pola súa constante investigación e a súa divulgación sen acougo sobre as diferentes maneiras que ten o pobo de xerar cultura.

‘Luar’, amizade e ocio

O popular presentador Xosé Ramón Gayoso recolleu o galardón na sección Audiovisual por facer do programa Luar un sinónimo de amizade e ocio por riba de modas para chegar a todos os públicos.

Na categoría de Letras, Marica Campo recibiu o seu galardón por achegar as palabras que conectan coa mocidade transmitindo valores de feminismo, solidariedade e ecoloxía.

Os dirixentes dos cursos universitarios internacionais Música en Compostela obtiveron o premio na sección musical por unha galeguidade que leva 64 anos difundindo o patrimonio musical mediante concertos, simposios, recitais, edicións de partituras e libros especializados.

E ao programa Conciencia entregóuselle o recoñecemento á Proxección Exterior polo labor no eido científico proxectando unha imaxe internacional da ciencia na Comunidade e polo intercambio de experiencias con eminencias de todo o mundo en diferentes disciplinas científicas.