Unha novela para contar historias “importantes”

Marta Villar, xornalista de LA OPINIÓN, presenta a súa obra ‘Non temerás os coches amarelos’

J. M. G.

A libraría coruñesa Lume foi o lugar elixido este xoves pola editorial Xerais para presentar onte Non temerás os coches amarelos, primeira novela de Marta Villar, xornalista de LA OPINIÓN, quen foi introducida por unha compañeira de profesión, Sonia Vizoso. Durante a conversa que ambas mantiveron, Villar sinalou que a narración mestura realidade con ficción e que decidiu experimentar coa novela para abordar historias “importantes” e reflectir unha forma de vida no rural que coñeceu na súa infancia e hoxe desapareceu.

Tamén falou do impacto que lle causou naqueles anos o suceso das nenas de Alcasser e, xa traballando, a desaparición de María José Arcos. A novela está estruturada en capítulos curtos polo seu costume de traballar e considera que son “moi cinematográficos” porque primeiro imaxina as escenas como unha película e logo as plasma na escrita.Tanto Vizoso como Villar renderon homenaxe no acto a Carmen Merelas, directora deste xornal, a quen cualificaron da súa “mestra” na profesión.