‘A miña gran cidade. Corazón galego’. Ás 22.50 horas, na TVG
Roberto Vilar, a Jesús Janeiro: «Ímoste converter no Jesulín de Tomiño»
O presentador guía o toureiro durante o seu percorrido polo Baixo Miño, onde visita a feira de Tui, degusta e prepara unha tapa de polbo, café de pota e unha torta de filloas
A miña gran cidade. Corazón galego baixa esta noite (TVG, ás 22.50 horas) ata a comarca do Baixo Miño cun reto tan interesante como curioso: galeguizar a Jesulín de Ubrique. O encargado de guialo nesta inmersión é Roberto Vilar, anfitrión e motor da experiencia, que xa lle avisa desde o primeiro minuto do que lle espera: «Basicamente vas comer e beber». E tamén algo máis: «Téñoche preparadas cousas especiais, bonitas». O ton é distendido, retranqueiro e moi de país. Roberto teno claro: «Ímoste converter en Jesulín de Tomiño». E o gaditano entra ao xogo sen problema.
A primeira parada é a feira de Tui, un clásico no suroeste galego. O paseo polos postos convértese axiña nun baño de masas, onde Jesús Janeiro (Jesulín) esperta curiosidade e agarimo.
No posto de flores de Marisa, con catro décadas de oficio, chega un dos momentos máis inesperados da xornada. Jesulín queda fascinado coas flores para os cemiterios: «Parecen de mentira do bonitas que son!». A conversa deriva, como é normal en Galicia, cara á morte. Roberto pregúntalle se é máis de enterro ou de incineración, pero «é un tema que non teño decidido», confesa o toureiro. «Teño xa oito testamentos feitos, xa desde moi novo!».
A feira segue dando xogo. Nun posto de roupa interior, Roberto dispara: «De roupa interior entende bastante Jesulín, facía recolecta». O aludido asinte con humor: «É unha das cousas que a min me estrañaba, que me tirasen roupa interior». Pouco parece quedar daquel toureiro mediático que organizaba corridas só para mulleres. Entre posto e posto, Jesulín reflexiona sobre a súa vida marcada polo risco. Dez cornadas e dous accidentes graves de tráfico.
Como manda o costume galego, rematan a feira comendo o polbo. Na segunda experiencia, Sindo, polbeiro do Carballiño, recíbeos coa pota ao lume. Proban o polbo sen condimento e Jesulín queda abraiado. Pide repetir.
Cando toca cortar e preparar, chegan as risas. O prato remata pasado de sal, pemento e aceite, con escarvadentes a moreas. Aínda así, Jesulín ofrécello aos curiosos que se achegan á escena, que agradecen e dan un veredicto positivo. «Ao ser de balde, sempre gusta», sentencia Vilar.
Logo o dúo vai a unha terraza onde comparte un intre máis recollido. O gaditano ábrese sobre unha traxectoria longa —por precoz— chea de grandes titulares e presión social, «unha vida moi frenética», di Jesulín. Fala da xente que coñeceu grazas ao toureo: cantantes, futbolistas, actores… Pero destaca un nome propio: «Se me quedase con alguén, sería Rafaella Carrá. Sentíame como na casa con ela».
Roberto vai ao fondo da cuestión: de que vive agora Jesulín? A resposta é clara e coherente co que xa se viu: «Teño unha gandaría de vacas e touros. Eu traballo no predio, collo o tractor, bótolles de comer, quito o esterco, limpo as naves… Fago ata a sementeira». E o que máis sorprende a Roberto: faino sen empregados, el só.
O peche da xornada chega en Tomiño, cun café de pota e sobremesas galegas. Ismael, camareiro do restaurante O Candil explica a técnica con precisión mentres Roberto introduce confusión adrede: «Se queres que ferva antes, auga con gas», di para sorpresa de Jesulín. «O pobre está aí que lle imos ensinar cousas e xa non sabe se o vacilamos», ri Roberto.
Co café ensínanlle a facer filloas recheas. O gaditano xestiónase ben; non é casualidade, xa que participou en MasterChef e chegou a traballar varios meses nun restaurante para prepararse para o programa.
O café de pota non lle baixa ben a Jesulín, moito máis intenso do que está afeito, «un café valente, forte», como di el. Pero unha torta de filloas con mel é o golpe doce final, un éxito para o andaluz.
Pero aínda quedan no tinteiro unha visita a unha destilaría, a visita de rigor a Santa Trega con bandas mariñeiras e un curioso paseo a cabalo, máis polo anfitrión que polo convidado. A aventura de Jesulín de Tomiño pola comarca, esta noite na TVG.
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños».
- Los vecinos de Seixo Branco, en Oleiros, obligados a pedir vados para evitar problemas en verano
- Diego Maceiras, dueño del único supermercado de Caión: 'Hemos sobrevivido 50 años gracias al verano
- 1-0 | UD Almería - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Descanso
- Una de las familias más ricas de Cataluña, casera de la primera tienda de Zara del mundo, en A Coruña
- La hostelería de A Coruña apuesta por la intermodal: 'Si la zona se revaloriza, queremos ser una de las referencias
- Así está la clasificación de Segunda División: gana el Castellón y al Deportivo se aleja del podio de la LIga Hypermotion
- Luz verde a las demoliciones y reformas de la antigua Alu Ibérica de A Coruña, junto a Marineda, para albergar dos nuevas fábricas