Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Esperanza Aguirre namora de Ribadavia: «É das vilas máis fermosas de España»

«Teño algo de galega; a miña avoa materna era Vega de Seoane e Seoane é moi galego», revela a madrileña, que percorre a vila con Silvia Jato de anfitrioa orgullosa da súa terra

A miña gran cidade: Corazón galego viaxa esta noite, ás 22.50 horas na TVG, ao Ribeiro cun dúo que non deixa indiferente: a presentadora e modelo Silvia Jato, anfitrioa orgullosa da súa terra, e a política Esperanza Aguirre, convidada madrileña disposta a mergullarse de cheo na cultura galega para gañar o seu carné de Corazón galego.

A primeira experiencia lévaas ata Ribadavia, corazón histórico do Ribeiro. Esperanza Aguirre pasea por primeira vez pola vila e non tarda en renderse: «É unha das vilas máis fermosas de España». As rúas empedradas, as casas señoriais e os soportais van deixando pegada. Mentres ergue a vista e se detén nos detalles arquitectónicos da zona histórica da vila e mesmo se lamenta, case indignada, por «non ter o teléfono para tirar unha foto». Silvia Jato observa a reacción da súa convidada con orgullo e emoción. «Quedou abraiada, encantoume que unha persoa de fóra quedase marabillada, é máxico», confesa á cámara.

Durante o paseo acompáñaas Antonio Míguez, historiador, veciño da vila e responsable da Oficina de Turismo, unha auténtica enciclopedia viva do Ribeiro. Con el, Esperanza resolve dúbidas e descobre que a historia aquí está en cada recuncho. Falan do Camiño de Santiago, que atravesa a vila, e Antonio explica que antano «os peregrinos recuperábanse bebendo viño de Ribadavia, que era como se lle chamaba entón ao do Ribeiro». Un viño que se bebía na cuncha da vieira, detalle que acabaría por converterse en símbolo do propio Camiño. A conversa continúa mentres se cruzan con veciños e visitantes que as recoñecen e se achegan a saudar. Esperanza analiza a situación con humor: «A xente de máis de 45 coñéceme, a de menos de 35 xa non porque non ve a televisión». Incluso paran a falar cunha entrañable parella chegada de Barcelona. Silvia lémbralles aos visitantes que Galicia é bonita, e o home, cun sorriso cómplice, respóndelle en galego: «Galiza é preciosa».

A seguinte parada é na Igrexa de Santiago de Ribadavia. Ao saíren da igrexa, Esperanza detense nas portas talladas e repara nas cunchas esculpidas. «Teño que chamalas vieiras», comenta. Antonio bótalle unha man: «Se queres ser máis galega, si», di entre risas, co asentimento inmediato de Silvia. E é nese momento cando Aguirre fai unha confesión persoal que sorprende: «Teño algo de galega! A miña avoa materna era Vega de Seoane, e Seoane é moi galego».

A ruta continúa pola Xudaría de Ribadavia, un dos barrios hebreos mellor conservados de Galicia. Alí fan parada en A Tafona do Camiño, onde as recibe Chema Dapena, copropietario do obradoiro e defensor da memoria sefardí, que preserva a través de receitas tradicionais herdadas da súa avoa israelí. E despois de tanto camiñar, Esperanza recoñece o cansazo: «Menos mal que nos puxemos zapatillas». Pero aínda queda un punto forte: o castelo.

A última experiencia desta primeira entrega lévaas ao mundo do traxe tradicional. A mestra é Mercedes, costureira experta, que lle explica a Esperanza que antigamente as pezas do traxe galego e os seus nomes.

Tracking Pixel Contents