XXV PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz: Vodas de prata na Coruña dos galardóns, nunha viaxe desde a tradición á fusión
A gala no teatro Rosalía de Castro homenaxou á Real Academia Galega por dedicar o Día das Letras ás cantareiras e celebrou as catro décadas na música de Uxía
Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras desvelaron as sementes das súas cancións e Rosa Cedrón levou ao público por unha viaxe de estilos e referencias

Uxía, co galardón que recibiu este mércores polas súas catro décadas na música. / CARLOS PARDELLAS / LCO

XXV Premios Opinión da Música de Raíz / .
O folk galego, planta que a cada paso reverdece, rebrota e se reinventa, floreceu este mércores do teatro Rosalía de Castro da Coruña na gala da vixésimo quinta edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz, que este ano se converteu nun tributo á Real Academia Galega e ás cantareiras ás que dedicou o Día das Letras do ano pasado, así como ás décadas de arte da cantante Uxía. Velada de premios e velada de música, nunha sala chea de público, inundada polas as voces de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, cuxo espectáculo inaugurou a noite, e co broche do talento da recoñecida Rosa Cedrón.
A gala deu comezo ás 20.30 horas coas verbas da presentadora Ana Pérez, que destacou as “vodas de prata” dos premios. A música galega está en “cicloxénese explosiva”, argumentou, nunha explosión de creación e recoñecemento, de fusión entre o legado e á modernidade, os novos talentos e os consolidados. Deu paso a “dúas feiticeiras” cunha maxia que revitaliza a música galega: o dúo Caamaño&Ameixeiras, nado en 2018 pero que xa fora homenaxeado nos PREMIOS OPINIÓN. Chegaron cunha proposta feita para a ocasión.

Gus de la Paz
Voces dende o pasado e o presente
Coa gravación da voz dunha cantareira recollida en 1983 deron comezo as artistas á súa actuación, na que, con violín e acordeón, con voz e pandeireta, reimaxinaron as letras e melodías senlleiras dos cantos populares. “Un pracer estarlle poñendo música a esta festa”, sinalaron, e o concerto converteuse nun percorrido polo patrimonio das “mullerazas” que son para o dúo “inspiración constante”.
Presentaron temas precedidos da gravación que axudou a enxendrala: un canto de Xunqueira de Espanedo inspirounas para un tema que fai referencia a ritos para asegurar a volta dos que andan no mar; unha xota que da que brotou Ai de min; e nun tema inédito, cantaron e tocaron coa falecida Pura Carreiro, gravada en Ourense en 1952. O público cantou con elas Aire, dedicado a Uxía.
A tradición que mantivo a fogueira
O premio ao Acontecemento Musical do Ano da gala, patrocinada por Xunta, Concello e Gadis e organizada por Óscar Losada, foi á Real Academia Galega (RAG) polo Día das Letras Galegas que dedicou ás cantareirasr, “gardiás” da cultura popular galega pese ás dificultades, resumiu Ana Pérez. Jacobo Sutil, director de Agadic, foi o encargado de entregalo, acompañado polo director de LA OPINIÓN, Daniel Domínguez, e recolleuno o presidente da RAG, Henrique Monteagudo.
“É un premio que temos que dedicar ás que foron as protagonistas”, sinalou Monteagudo, falando da súa “tradición de resistencia” desde a alegría contra a persecución ou o “desprezo e ignorancia”. O Día das Letras Galegas, explicou, quixo lembrar tamén ás persoas que recolleron a tradición das cantareiras, e celebrou a “explosión de alegría e creatividade” musical que continúa o camiño das cantareiras. “A tradición vive no constante diálogo co presente”, resaltou.
Lembranza para as “mulleres valentes”
Uxía recibiu o galardón Andaina Senlleira de mans da alcaldesa da Coruña, Inés Rey. A cantante de Mos, de 63 anos, publicou o seu primeiro álbum, Foliada de Marzo, hai catro décadas, en 1986, e pouco despois uniuse ao grupo Na Lúa. Foi o inicio dunha carreira que suma unha ducia de discos. Gañou PREMIOS OPINIÓN á Mellor Canción Orixinal, Mellor Disco e Mellor Artista en anteriores edicións, entre outros galardóns como o da Crítica Galicia de Música.
A gran dama da música galega agradeceu “de corazón” un galardón que recibiu “nesta cidade que amo” na que, lembrou, medrou como artista, e celebrou os seus “40 anos de música” e “memoria compartida”. "Cada canción leva dentro moitas vidas”, sinalou, lembrando aos que a sostiveron na súa andaina . “Tantísimas mulleres valentes das que ensinan os dentes”, manifestou, engadindo que leva “no corazón” ás xentes da lusofonía, “onde as palabras e as melodías se recoñecen como propias”.
Tamén recordou que ten “no forno un libro CD dedicado a Begoña Caamaño”, homenaxeada pola RAG este ano, aos PREMIOS OPINIÓN e a Óscar Losada, e pediu unha “Palestina libre”, e unha migración e acollida con “humanidade, respecto e dereitos”, antes de rematar cunha interpretación de Será por flores, que compuxo para celebrar os seus 40 anos na música e na que a acompañou o público.
De ‘Benditas Feiras’ a ‘In the Ghetto’
A cantante e violonchelista Rosa Cedrón, gañadora de dous premios á Mellor Canción Orixinal en anteriores galas con Benditas Feridas e Ti, miña flor, despediu o acto en formato cuarteto. María López incorporouse coa zanfona ao irmán da artista, Xavier Cedrón, e a Juanjo Fernández, violinista e pianista respectivamente. Rosa Cedrón, antiga vocalista de Luar na Lubre e que fixo colaboracións con nomes como Mike Oldfield, viña cun programa feito para a ocasión que levou ao público a unha viaxe de múltiples estilos e referencias.
Nunha entrevista con LA OPINIÓN, Cedrón explicara que, cando non se podía expresar coa palabra, fíxoo co violonchelo, e o concerto comezou sen palabras, cunha peza instrumental moi aplaudida polo público. “Estou moi emocionada”, dixo tras a primeira peza, e sinalou que ela e a súa formación “desfrutaron moitísimo” nas semanas de preparación do recital. A monfortina continuou como vocalista, e cantou unha peza musicada por María López a partir dun poema de Óscar Losada, Danzando.
O programa incluíu tamén Benditas feridas, que fala “de todo o que pasamos ao longo dunha carreira”, na que “non todos os momentos son felices, non todos son de éxito” pero na que sempre sustenta o amor pola música. Á súa filla adicou Ti, miña flor, e tras o clásico Camariñas, veu a sorpresa final da noite: unha versión en galego de In the Ghetto, da que lembrou o seu autor, Mac Davis, e a “unha das voces máis grandes da historia da música” a de Elvis, que a fixo famosa.
Os invitados
Ademais dos citados, entre o público estaba o director xeral en Galicia de Editorial Prensa Ibérica, grupo ao que pertence LA OPINIÓN, Juan Carlos Da Silva, e o director comercial en Galicia, Manuel Carrera. Por parte da Xunta acudiu a delegada na Coruña, Belén do Campo, e por Gadisa, o director de comunicación, José Luis Fernández Astray. En representación do PP acudiu o edil Roberto Coira, e polo BNG os concelleiros Francisco Jorquera e Mercedes Queixas.
Tamén acudiron o rexedor de Arteixo, Carlos Calvelo; a de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e o de Sada, Benito Portela. Pola SGAE estaba Miguel Diéguez, e entre os invitados estaba a familia da finada cantareira Adolfina Casás, así como Juan José Alvite, fillo de Eva Castiñeira.
- El Concello de A Coruña trabaja para instalar una pantalla gigante para seguir en directo el Valladolid-Deportivo
- La alcaldesa envía una carta al subdelegado del Gobierno en A Coruña para 'exigirle explicaciones' por los controles policiales del Deportivo-Andorra
- Aterriza en A Coruña un nuevo café de especialidad con sabor venezolano: 'Queremos darle un toque distinto a la calle Franja
- El Deportivo recibe 15.000 peticiones de entrada y el Valladolid agota el papel entre sus socios
- Renfe estudiará recuperar el tren directo A Coruña-Barcelona tras el fin de las obras de la estación
- Más allá de las 1.000 entradas enviadas por el Valladolid al Deportivo: esta es la única forma alternativa de conseguir tickets para la final por el ascenso
- Declarado improcedente el despido de un trabajador de la limpieza viaria de A Coruña por el mal funcionamiento del taller
- Ana Suárez, cocinera del centro del Pastor en Orillamar en los años 90: 'Foron dos mellores anos da miña vida
