Síguenos en redes sociales:

Ana Miranda

"Hai unha oportunidade real para sanear a ría pero hai que ter vontade política"

"O Estado ten que dar a cara porque Bruselas está dicindo: Aquí están os fondos e están dispoñibles, pero hai que pedilos", asegura Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa

"Hai unha oportunidade real para sanear a ría pero hai que ter vontade política"Ricardo Grobas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, está satisfeita co avance para o saneamento da ría do Burgo, pero non canta vitoria. Esixe ao Gobierno central que envíe canto antes a petición de fondos para empezar a obra.

Europa fixo a súa parte.

A Comisión Europea confirmou que aproba a modificación dos criterios e que baixo eses criterios novos podería ser cofinanciado o saneamento da ría, que é o que se vén solicitando desde 2012. Hoxe mesmo (por onte) confirmáronme que non houbo a petición de fondos do proxecto por parte de autoridade de xestión, que é o Ministerio de Facenda.

É poñer os vimbios para que o Estado os pida?

En xaneiro de 2019 conseguimos que a Comisión de Peticións da Comisión Europea reabrira o informe das rías e contactamos coa Dirección Xeral de Fondos Europeos. Había que facer unha modificación, que se fixo agora, e temos unha oportunidade única porque non sabemos o que vai pasar no período de fondos 2021-2027 e polo tanto hai que aproveitalo agora. E todo depende dunha vontade política. É un chanzo máis nesa loita pola defensa ría do Burgo e polo seu saneamento. A Comisión mostrou vontade para cofinanciar e o houbo deixadez dos gobernos, empezando polo do PP, nos que non se fixo nada de nada, apenas houbo orzamento, e logo houbo un tímido xesto por parte do Goberno actual de unha parte de financiamento, que estaba nos orzamentos, pero que, ao non aprobarse, quedou tamén en impasse. Polo tanto hai agora unha oportunidade real pero hai que ter vontade política. No Estado non fixeron nada. Foi grazas á labor do BNG de moverse en Europa coas plataformas, coa confraría da Coruña e cos mariscadores que levan tanto tempo loitando. Se non chegamos a ir en xaneiro á Comisión de Peticións este tema tampoco se movía de novo.

Esta comisión segue a traballar no asunto?

Enviáronse cartas ao Estado e á Xunta por parte da Comisión de Peticións instando ao cumprimento da normativa europea e ao saneamento completo tanto na ría do Burgo como en Ferrol e Vigo. E agora temos unha boa nova que é que o noso grupo ten a vicepresidencia primeira. Dende aí imos presionar para que entre setembro e novembro o Estado dea unha resposta. Non depende tanto de se hai goberno ou non porque os fondos están no ministerio. É simplemente facer a petición a Bruselas. Non pode ser a excusa, teñen que decir se se queren comprometer co saneamento das rías ou non.

Hai que aproveitar a oportunidade?

Estamos pedindo unha reconsideración dos fondos e quedaría pouco tempo, só dous anos para executar porque, despois, pasamos ao seguinte período e sería outra partida diferente. É unha oportunidade única e o Estado ten que dar a cara porque, se non, a ría do Burgo quedaría de novo sen limpar e sanear por falta de fondos cando Bruxelas está dicindo: 'Aquí están os fondos e están dispoñibles, pero hai que pedilos'. A resposta demostra que non se fixo nada, que non pediron nada. Non o digo con acritude pero o BNG está reclamando isto en Europa desde 2012. Son moitos anos como para que cheguemos ao 2020 sen solución.

Que pasará despois da petición do Estado?

A Comisión Europea fai unha transferencia de fondos, que corresponderían ao 85% do total. Agora hai que ver canto pon o Estado. O que está nos orzamentos non chega a nada. Empezaremos cunha parte e despois haberá que loitar nos orzamentos do Estado para que continúe porque é un traballo de moitos anos.

Cal é o seu seguinte paso?

Como BNG presionaremos dende o Parlamento galego e dende a cidade da Coruña porque afecta ao saneamento.

Que se conseguiran os fondos sería un soño cumprido?

Sería importantísimo porque hai a loita de moitísima xente detrás. Eu simplemente axudei. Hai moita xente afectada, moitos postos de traballo que se perderon, malas condicións laborais dos mariscadores e, sobre todo, moita decepción con ver que as administracións non facían nada. E iso non ten prezo aínda que se fagan as obras. Por iso teño a obriga de chegar ata o final. Ata que non se vexa cumprido, non se pode cantar vitoria.

Pulsa para ver más contenido para ti