Síguenos en redes sociales:

Pablo Barbeito

"É importante lembrar á xente que nos mercados hai de todo"

"A xente vén moi protexida porque o medo está aí" || "A maioría son pedidos a domicilio porque ninguén quere estar na rúa"

"É importante lembrar á xente que nos mercados hai de todo"Víctor Echave

No mercado de Elviña están case todos os postos abertos, coas necesidades dos seus clientes no primeiro posto da lista de obrigas. "Estamos ao cen por cen", recoñece o carniceiro Pablo Barbeito, que prevé que os hábitos de compra da xente van cambiar pola situación xerada polo coronavirus, se non o fixeron xa.

Como é o día a día no mercado de Elviña?

Non hai queixa, pero temos pouca xente. Hai moito reparto a domicilio.

Xa contaba con este servizo?

Si, pero era unha cousa puntual. Agora, a maioría son pedidos para casa. Para nós é bo porque ampliamos a clientela, abranguemos máis campo. Mandamos ata A Zapateira. Aínda temos que adaptarnos porque a xente chama, pide e descontrola o mostrador. Pero tamén contas con esa venda, que é o mellor. É cuestión de tempo e organización.

O coronavirus mudou a forma de mercar?

Por suposto. O habitual é que a xente chame para que lles leves os pedidos ou ben para que teñas todo preparado e así pasar a recollello e estar o menos tempo posible na rúa. Creo que isto vai ser así durante un tempo, a xente non vai vir con normalidade aos mercados cando se levante o estado de alarma. Hai que ser sensatos e non facer todo á carreira. Son novos hábitos. Ademais, se queren estar pouco tempo na rúa, é mellor facer pedidos e non estar unha ou dúas horas no súper e no mercado.

Todos os produtos están dispoñibles ou nota desabastecemento?

É importante recordar á xente que nos mercados hai de todo. Peixe, carne, verduras, froita... Todo. Para mercar produto galego non hai ningún problema. Eu recibo o produto igual que antes. A situación non cambiou e é mentira cando din que hai desabastecemento.

Que nota no contacto cos clientes estes días?

Que hai moito medo. A xente ven moi protexida, con máscaras e guantes, e quere marchar canto antes. Tamén hai quen procura madrugar para non estar moito tempo no mercado. O medo está aí.

Pulsa para ver más contenido para ti