Síguenos en redes sociales:

Barnes, Landero e Sumai gañan o premio de novela San Clemente

A entrega aos escritores do galardón, concedido por tres xurados de estudantes de Bacharelato, terá lugar en marzo de 2009

Tres xurados integrados cada un por dez alumnos de Bacharelato de institutos galegos outorgaron onte o XIV Premio de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente ás obras Así nacen as baleas, da escritora coruñesa Anxos Sumai (novela galega), Arthur&George, de Julian Barnes (novela estranxeira) e Hoy, Júpiter, de Luis Landero (novela española). Antes da lectura dos fallos, o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, avanzou que a entrega formal dos premios desta edición se efectuará, previsiblemente, en marzo do próximo ano. O director explicou que se aproveitará esta cita para facer entrega dos galardóns aos escritores premiados na anterior edición. Neste sentido, destacou que o escritor Haruki Murakami, premiado en 2007 por Kafka en la orilla confirmou a súa presenza.

O xurado da categoría novela galega considerou que a obra de Anxos Sumai era a merecedora do premio de 3.000 euros que estipula este galardón para cada un dos vencedores. A escritora coruñesa narra as dinámicas sociais da vida contemporánea a través dos ollos dunha moza que se revela ante as imposicións sociais.

A proposta de Landero concentrou todos os votos dos membros do xurado na categoría de novela española. Con seis votos, os alumnos optaron por conceder o galardón na categoría de mellor novela estranxeira a Julian Barnes, un relato que toca cuestións como as aldraxes policiais, a xenofobia, o racismo e a xustiza.

Pulsa para ver más contenido para ti