Síguenos en redes sociales:

Brais Abelenda celebra o seu gol ao Alcorcón esta temporada. | // GUSTAVO SANTOS

Brais Abelenda: “O Dépor non é só o favorito en Primera RFEF, seríao tamén en Segunda División”

“En Riazor non necesitas motivación extra porque o Deportivo é o rival a batir”

Brais Abelenda (Val do Dubra, 1995) cumpre a súa segunda temporada no Pontevedra, co que acadou o ascenso a campaña pasada. Alí recalou procedente do Compostela despois de pasar polo Racing de Ferrol e converterse nun dos vagamundos do fútbol galego. O dianteiro regresa aRiazor, donde xa xogou e marcou co cadro santiagués hai dúas temporadas, convertido na principal referencia do equipo granate xunto ao brasileiro Charles.

Estase falando moito sobre se o partido de mañá é un derbi...

Pode ser un derbi porque os partidos que se dan en Galicia son derbis. Temos tamén ao Celta B e o Racing de Ferrol. Oxalá haxa máis equipos galegos que poidan estar o máis arriba posible.

Sexa un derbi ou non, é un partido especial para un xogador galego?

Ao final é xogar contra o Deportivo. Se para todos os rivais xa é bonito, para nós que somos galegos máis. En Pontevedra hai moitas gañas de xogar alí.

Xa sabe o que é xogar en Riazor co Compostela e non se lles dera mal hai dúas temporadas...

A verdade que non. Empatamos a cero en San Lázaro e gañamos en Riazor, pero era outro Dépor. Agora ao mellor non ten o potencial que ten este Deportivo.

Ademais marcara, que lembra daquel día?

Había pouco público pola pandemia, pero para nada iso estropea o recordo. Foi moi bonito e ademais serviunos daquela para manter a categoría. Teño moitas ganas de volver a Riazor e poder disfrutalo esta vez con xente.

Contra a Balompédica Linense houbo 15.000 afeccionados en Riazor, pode afectarlles ese ambiente?

Pode que ao principio, porque non estamos acostumados a este tipo de partidos. Supoño que nos pode intimidar. Iso pásase cos nervios e despois será como un partido calquera.

Coñece ese ambiente de Riazor?

Viña cando era pequeno desde o meu pobo, cando daban entradas para concellos. Sempre me apuntaba para vir.

Antes mencionou que o plantel do Deportivo lle parece este ano máis competitiva que a de hai dous anos cando estaba no Compostela, por que?

Ao mellor o plantel que ten agora é moito máis amplo e lle pode dar ese fondo de armario que necesitas nunha competición a longa distancia. O Dépor, no que ven a ser o clube, está máis estable e nun camiño a seguir que aquel ano no que podía haber dúbidas por como fora o tema do descenso. Parece que agora teñen o camiño marcado e a dirección que queren tomar.

O Deportivo vén dun chasco moi grande o curso pasado por non poder ascender e este ano o obxectivo volve a ser o mesmo, como o ve?

Todos os equipos da liga pensamos que o Dépor é o máximo candidato ao ascenso, pero xa non o sería solo nesta Primera RFEF. Se estivese en Segunda División tamén sería un dos favoritos a gañar a liga.

Iso conleva una presión engadida, pensan en aproveitalo?

Todos os equipos imos xogar contra o Dépor con esa ambición. Non tes nada que perder e non necesitas moita motivación extra porque é o rival a batir. En Riazor aínda moito máis.

Con que meta afronta a temporada o Pontevedra?

O obxectivo principal é manter a categoría e afianzarnos en Primera RFEF. Si podemos facelo sin sufrir e non chegar ás últimas sen o abafo de ter que sacar puntos si ou si, moito mellor. Temos plantilla para competir contra calquera equipo da categoría.

Nunca ocultou que a súa meta é chegar ao fútbol profesional, en Pontevedra encontrou a estabilidade para conseguilo?

Estou cada vez un pouquiño máis preto e vou dando pasiños pouco a pouco. A meta é o fútbol profesional e oxalá que poida conseguir ese obxectivo que me marquei cando era neno.

Antes xa pasara polo Racing de Ferrol e o Compostela...

Cando fun a Ferrol era xoven e ademais a plantilla que había era moi boa. Estaban Joselu, Pablo Rey... Contra eses futbolistas era difícil poder xogar.

O Compostela permitiulle recuperar a súa mellor versión?

Esas temporadas en Santiago devolvéronme a ilusión e a confianza en min mesmo. Puiden demostrar o que son eu como xogador. Eramos un equipo que levábamos catro anos traballando. Tanto [Manuel] Castiñeiras como Yago Iglesias fixeron un equipo recoñecible que lle gustaba á xente. Costounos o ascenso a Segunda B, pero ese ano fora moi bo para todos.

Costoulle deixar Santiago por Pontevedra?

Bastante, porque me marchei a un clube que estaba na mesma categoría. O paso que dei foi con intención de chegar a Primera RFEF e seguir dando pasiños para chegar a ese fútbol profesional.

O seu nome sonou para o Dépor, que houbo de certo?

Que eu saiba non houbo nada. Aínda que puido saír por aí, non houbo nada.

Quen si estuvo preto de chegar ao Deportivo en 2021 foi o seu adestrador no Compostela, Yago Iglesias, considera que podía estar preparado para un paso así?

Como entrenador estaba preparado para cousas moito maiores das que ten ahora mismo co Zamora en Segunda RFEF. Ten moitos anos aínda por diante para chegar a un equipo como o Dépor.

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.