"O dos descartes é un furado negro porque aínda non sabemos ben o que hai que facer"
"A Administración dálle moita importancia á seguridade, nós tamén, pero despois entran en xogo outros factores" - "En Europa son moitos países a repartir cota, e non nos toca máis, ou eles é o que din"
Manuel Villar Vidal afronta a súa tercera lexislatura como patrón maior da confraría de Laxe logo de ser o único candidato ás pasadas eleccións. Villar afirma que un dos retos aos que se enfronta é que a flota local siga vendendo na lonxa. Tamén urxe o cambio da grúa, cuxos arranxos só aportan perdas ao pósito.
-En xullo non tiña claro se se ía presentar de novo ás eleccións, que lle fixo decidirse?
-Falei cos compañeiros para saber se algún se quería presentar e ningún quixo. Entón iso foi ao final o que fixo que me volvera presentar. Non houbo máis candidatos, así que xa saín eu.
-Esta é a terceira lexislatura que está ao fronte da confraría, como afronta estes catro anos tendo xa esa experiencia detrás?
-Con ilusión de seguir levándoo como ata agora. Intentar sacar o mellor posible este mandato e manter ben as vendas, sobre todo pelexando para que os barcos realicen aquí as vendas, que é o principal. Se venden aquí os beneficios quedan na nosa lonxa.
-Cales son as principais preocupacións que sofre a confraría?
-A dificultade máis grande á que nos enfrontaríamos sería que os barcos non vendan en Laxe. Se marchan e non hai venda pois sería moi difícil soster a confraría. Agora a maioría deles están a facelo na lonxa de aquí, salvo que estean pescando fora. En inverno hai algún barco que vai para A Coruña, ou volanteiros que se desprazan case todo o ano. O principal é aguantar os que temos aquí.
-Cal é a situación económica da confraría?
-Antigamente penso que estivo mellor, pero hai xa moitos anos [risas]. Agora tamén vai ben. Non temos débedas, que iso ao final é o que máis conta.
-De onde veñen os ingresos?
-Veñen das vendas do pescado na lonxa. Despois temos o aluguer do bar e dunhas chabolas nas que os armadores gardan os seus aparellos.
-O 2018 deixou na lonxa un 30% máis de descargas que o anterior ano. A que se debeu este aumento?
-Algún dos barcos botou aquí máis tempo, polo que desembarcou e vendeu máis na lonxa. As embarcacións que adoitan estar fora estiveron algo máis en Laxe. Tamén foi un ano no que Malpica non vendía o polbo, polo que os pescadores de alí viñan a vendelo á nosa lonxa. Foi una suma de todo e fixo que o ano fora mellor.
-O ano que rematou foi bo para a confraría?
-Si, poderíamos dicir que foi bo. Non só polo aumento das vendas e ingresos en lonxa, se non tamén polo feito de que non temos débedas. Sempre que estamos ao día nos pagos e temos soltura e algo de cartos para poder manexalos sempre é bo.
-Como está indo a campaña de Nadal?
-Vai ben en xeral. Ao principio tivemos una semana mala, a de Noiteboa, sobre todo para o marisqueo, tanto que incluso pedimos ter venda o sábado 22 á tarde porque neses días non houbo nada de marisco, sobre todo percebe, nécora, camarón e santiaguiño. Foron moi mal porque había moito mar e non se podía ir. A partir de aí veu o bo tempo e esta semana foi mellor. Entrou polbo, percebe, marisco?
-Ten moito peso o marisqueo?
-Temos o percebe, pero non se vende aquí. Tiña máis peso cando o comercializábamos en Laxe, pero agora non hai compradores que veñan a buscalo coma antes. Intentámolo, pero retirouse a señora Teresa de Malpica, que era a que o mercaba practicamente todo. Aquí do marisqueo véndese algo, pero non percebe.
-Onde o venden?
-Na Coruña. Os ingresos a nós non nos repercuten, quitando o 1% da guía de transporte ou compravenda que hai que ter. Pero se se comercializara directamente en Laxe repercutiría máis na confraría.
-Que lle pareceu o reparto das cotas para este ano?
-O que se conseguiu é o que hai. Cando menos conseguiron que a pescada non baixara nada, a pesar de que se quería recortar un 14%. O rape aumentou, o xurelo tamén e a raia. A xarda si que é un cabalo de batalla porque se reduciu bastante. As negociación deste ano en comparación co anterior foron mellores, porque ou se mantivo a mesma cantidade ou se aumentou na maioría das pesquerías, quitando a xarda.
-As administracións fan un bo traballo para coidar a pesca?
-Ao meu parecer están a facelo ben, o que pasa e que en Europa son moitos países a repartir e non nos toca máis, ou eles é o que din. Se as administracións puideran conseguir peixe suficiente para todos non tirarían pedras contra o seu tellado.
- Hai catro anos demandaban una reforma no porto polo seu perigo. Chegáronse a realizar esas obras?
-Non, aínda están pendentes de facerse. O 2014 tivemos aí un problema, xa que un barco afondou e tivemos unhas dificultades. Levamos demandando un dragado desde ese ano e agora parece que as cousas van ben e que pronto se realizará, ou iso é o que nos traslada a Administración. Precisamos que se lle dé máis fondo ao porto porque hai falta de calado.
-Ten algún outro proxecto pendente de desenvolver?
-Si, temos pendente o cambio da grúa, a ver se somos capaces de conseguila. A que temos agora non fai máis que reportarnos perdas. Este ano cos arranxos que fixeron falta fóronsenos 7.000 euros. Se tes unha estrutura que che da esas perdas ou a tiras abaixo ou consegues outra. É imposible seguir así porque o custe deses arranxos van a levar á confraría á ruína.
-Por moitas medidas que haxa os accidentes sempre van estar aí?
-Si, no tema de seguridade estamos ben. Temos chalecos, balsas? estamos equipados, pero iso é algo que sempre vai a estar presente. A Administración dálle moita importancia á seguridade, e nós tamén, pero despois entran en xogo outros factores que non se poden ter baixo control.
-Co comezo do ano entrou en vigor a normativa que prohibe realizar descartes no mar. Como afectará á frota de Laxe?
-É que si che son sincero non teño moi claro como é o tema dos descartes porque aínda non sabemos como hai que facer. Polo menos os meus, a frota de aquí, non teñen nada claro. Mentres non nos poñan un pouco máis ao día non sabemos nin como é. O dos descartes é un furado negro porque non sabemos como facer, nin onde hai que entregalos nin nada.
-Hai relevo xeracional?
-Non, non vexo que a xente nova queira vir para o mar. Ese tema si que é un pouquiño máis candente. A maioría dos rapaces non van traballar ao mar, prefire estudar.
Temas
Más en Galicia
-
A Coruña cierra la semana con lluvia y caerán tormentas en Galicia que cesarán por la tarde
-
Cárcel para el detenido en Carballo que se atrincheró tras disparar a otro hombre
-
La lluvia obliga a activar el plan de inundaciones en Galicia
-
Cinco rincones mágicos de las Rías Altas para ver el atardecer en Galicia