“Cando empezamos a traballar, reparamos en que Sementeira tiña un pasado detrás que era practicamente descoñecido, polo menos para min e o meu alumnado. É certo que cando empezas a falar, membros da directiva e veciños sabían que había un pasado glorioso tradicional de Sementeira”, explica o director do Grupo Tradicional Sementeira de Cambre profesor de gaita e percusión, Luís Bolón. Nacida en 2015 para que alumnos da escola tiveran ocasión de tocar en conxunto e presentada de xeito oficial en 2018, nun concerto no que a Banda de Música Sementeira, “o buque insignia”, exerceu de madriña, a formación “empezou a medrar bastante” e “ten unha planificación estable de traballo”, asegura. O grupo, con cerca dunha vintena de integrantes, celebra hoxe o VI Encontro de Grupos Tradicionais, xunto a AMDT de Sada y a Azouge, de Betanzos, no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo.
Tres grupos de música tradicional darán un recital conjunto el sábado en el Conservatorio de Culleredo
Foi na década dos 80 cando Sementeira despuntou na música tradicional. Chegou a organizar “un festival importante, con grupos importantes de toda Galicia e con músicos ou artesáns importantes no xurado”, conta o líder do grupo tras investigar a historia de Sementeira. “Queremos revivir aquela formación destacada de Sementeira, aínda que non só ollar ao pasado; o grupo ten un repertorio amplo para gaitas e percusións e traballa tamén cun repertorio actual e diferentes fontes e gaiteiros dentro da música tradicional. Pero a ollada ao pasado é bastante importante”, apunta o director. Como proba do valor que confire o grupo ao pasado, cita a homenaxe que organizou no 2019 a Xosé Casal, gaiteiro e artista.
O grupo anova o fulgor tradicional, que en Sementeira “comezou a esmorecer nos 90”, nutrido con alumnos da escola nun 80%, sinala Bolón. Rapaces de “12 a 24 anos” con ilusión por compartir música fóra das aulas garanten o futuro da tradición, tamén en Sementeira.