Síguenos en redes sociales:

‘O son da ribeira’ fai parada en Muxía para enxalzar a Pazos de Merexo

Reivindicará o papel do muxián na recuperación do son do acordeón

‘O son da ribeira’ fai parada en Muxía para enxalzar a Pazos de Merexo

A emisión do undécimo programa de O son da ribeira achega hoxe a canle autonómica ata Muxía, na Costa da Morte, na busca do son do acordeón diatónico de Manuel Pazos de Merexo (TVG, 10.00 horas), un músico local e home entrañable xa falecido.

Para achegarse á súa figura, o equipo do programa, dirixido e presentado por X.L. Rivadulla Corcón, desprázase ata praia do Lago, situada preto da aldea de Merexo, dende onde se encamiñará ata a Casa da Forreira, como era coñecida Nieves, a muller, a compañeira, de Pazos de Merexo. “Aquí facía a súa maxia e converteuse nun templo onde viñan acordeonistas de toda Galicia para aprender os segredos do acordeón diatónico”, explica a produtora, que rescata unha actuación do músico tocando na súa casa para o programa Ribeiras, producido polo mesmo equipo de O son da ribeira.

Na casa, Rivadulla Corcón fala con María José Pazos, filla do músico e peza clave no que supuxo seu pai para a música tradicional galega, porque ela estivo sempre ao seu lado, e atendeu aos moitos músicos que visitaron a casa e foi moitas veces a conexión entre o seu pai e os músicos. Na emisión tamén intervirá o músico e historiador Ramón Pinheiro, que no seu traballo de recollida da musica tradicional polas aldeas de Galicia, atopou o tesouro que representou para a música galega Pazos de Merexo.

Quen o veu tocar moitas veces foi o coruñés Xurxo Souto, músico e escritor, e autor da biografía de Pazos de Merexo: Pazos de Merexo o acordeón diatónico da Costa da Morte, editada pola Central Folque. Con Xurxo Souto, Rivadulla Corcón fala da súa relación co acordeonista e do que supuxo para el coñecelo e tratalo. E despois o propio Xurxo vai a interpretar co seu acordeón dous temas de Pazos de Merexo.

Pulsa para ver más contenido para ti