"O fagot chama moito a atención e ten un son característico e diferente"
EntreCañas, trío de fagots que fai o seu debut musical, estará este venres no escenario do Teatro Rosalía para a gala dos XVII Premios Opinión da Música de Raíz
Aínda non se escoitara un fagot enriba do escenario nas anteriores dezaseis galas de entrega dos Premios Opinión da Música de Raíz e EntreCañas van ser os primeiros en tocalo. Conversamos da súa actuación con Elena García-Fresca, compoñente do trío.
-Que significa para o grupo debutar na gala dos premios nun escenario como o Teatro Rosalía?
-Para nós é unha grande oportunidade para darnos a coñecer e tamén ao instrumento, que resulta bastante descoñecido. Lembro un día que cando tocabamos como cuarteto de fagots na rúa Real chamabamos moito a atención dos que pasaban por alí. A xente paraba e preguntábase: que instrumento é ese?
-Cales foron as tres pezas que elixiron para o concerto?
-A primeira está escrita especificamente para un trío de fagots polo compositor Julius Weisenborn, un autor especializado en facer pezas para este instrumento. É moi lucida e movida. Tamén escollemos unha moi coñecida pola xente, o tema L ela, optando por un arranxo diferente que lle acaía ben á tesitura de sonoridade dos fagots. Non soará especialmente a música clásica e ata contará con algunha disonancia. Unha peza que nos gusta moito é Circo Montecuruto, composta por Óscar Fernández para o grupo folk Os Cempés. É un tema moi rítmico. Soa moi moderna á vez que tradicional. É un tipo de melodía moi galega e por detrás aparece certo toque como de ska. Dános xogo para poder realizar un diálogo entre os tres fagots.
-Que é o máis difícil de realizar para que funcione ben o traballo entre tres fagots?
-Escribir a peza Circo Montecuruto para interpretala. A base de ensaios e metendo un pouco de estudo non existen maiores dificultades e o trío de fagots é unha formación que funciona ben. Como cada un de nós está a varias cousas ás veces penso que o máis difícil foi cadrar os horarios para poder ensaiar con calma.
-V an tocar un instrumento ligado á música clásica nunha gala de música de raíz. Como cren que reaccionará o público diante do son dos fagot?
-É verdade que fóra dunha orquestra é un instrumento moi pouco coñecido e ocasións como esta son unha boa oportunidade para dalo a coñecer. O fagot ten un son característico, diferente, e na nosa actuación na gala imos amosar que non ten que estar só cinguido á música clásica e pode funcionar noutro contexto sen problema ningún.