Síguenos en redes sociales:

Ramón Villares Presidente (saínte) do Consello da Cultura Galega

"Voume coa sensación do traballo cumprido e o labor feito"

"Confío en que a institución siga coa actual velocidade de cruceiro"

"Voume coa sensación do traballo cumprido e o labor feito"xoán álvarez

O catedrático de Historia Contemporánea da USC desde 1987 e presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006, Ramón Villares (Xermade, Lugo,1951) volverá a actividade docente á que nunca renunciou durante os seus tres mandatos á fronte do CCG. O que fora decano de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor da USC (1990-1994) asegura que será "un motivo de honra e satisfacción" que unha muller ocupe a presidencia. "Creo que é positivo que haxa renovación", afirma.

-Con que sensación pechará a porta da presidencia do CCG hoxe?

-Voume coa sensación do traballo cumprido e o labor feito. Dediqueille bastantes horas a unha institución na que os membros non somos profesionais nin vivimos do ente. Fixemos unha grande dedicación ao Consello; foi un traballo agradable sempre para mellorar a situación do patrimonio da lingua e das institucións culturais. Marcho contento e máis rico do que cheguei, non en cartos, senón no coñecemento do ámbito da cultura.

-Está especialmente fachendoso dalgunha das tarefas emprendidas nos seus mandatos?

-Houbo varias: fixemos unha recompilación de fondos epistolares de moitas figuras no exilio; estamos dixitalizando informacións importantes, tras comezar con Luís Seoane, estamos con Paz Andrade e Silveira Valverde, Lois Tobío... Preservamos e recuperamos moito do patrimonio de figuras galegas do século XX e creo que consolidamos o CCG como centro de análise de referencia. Coa creación do Observatorio da Cultura Galega, que foi posible grazas á Consellería, ao Ministerio e ao IGV convertémonos nun importante fornecedor de datos de cultura. E fixemos unha importante labor de conexión con institucións análogas na Península Ibérica, pero tamén co mundo exterior (con lugares de peso da emigración galega en Sudamérica e Europa e Nova Iorque).

-Dase o paradoxo de que finaliza o seu mandato en cumprimento duns estatutos dos que vostede foi impulsor.

-Inicialmente non había limitacións de mandato, pero eu propuxen a idea de que, se queriamos pedir ao resto de institucións culturais camiñar por un sendeiro de modernidade, debería iniciarse no propio CCG. Aprobamos un novo regulamento que incluíu limitación de mandatos para todos os membros do plenario, incluídos os representantes de institucións. Tamén reforzamos o equilibrio de xénero: cando eu cheguei había una muller no CCG e hoxe son nove. Está no 40% e os pasos datos, aínda que insuficientes segundo algúns sectores, foron importantes. Introducimos mecanismos de transparencia e boas prácticas.

-Volta á Universidade.

-Non abandonei en ningún momento a Universidade, senón que compatibilicei as obrigas docentes do xeito máis honorable posible, coa axuda e comprensión dos compañeiros do departamento.

-Que destaca da que foi ata hoxe vicepresidenta do CCG e moi probablemente lle sustituirá no cargo, Rosario Álvarez?

-É prudente e está moi preparada, con coñecemento das institucións culturais galegas e con experiencia de xestión. Introducirá novos métodos e outro estilo, pero teño a confiaza de que a institución vaia a ter a mesma ou maior velocidade de cruceiro.

-Foi vostede quen a impulsou?

-A coñezo xa hai moitos anos na USC e teño confianza nela e na súa capacidade, pero foi unha decisión de varios membros do plenario que asinaron a proposta para que sexa candidata. Non vai estar posta como herdeira, senón como elixida polo plenario.

Pulsa para ver más contenido para ti