Síguenos en redes sociales:

Os espectadores da TVG escollerán o final da serie 'Pazo de familia'

A canle estrea esta noite os derradeiros capítulos da ficción n A audiencia elixirá o seu desenlace preferido entre dúas opcións

Os espectadores da TVG escollerán o final da serie 'Pazo de familia'tvg

A Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite os derradeiros capítulos de Pazo de familia e, por primeira vez na historia da canle pública, os espectadores van poder escoller o final que queren para a súa serie. O equipo da ficción gravou dous finais distintos e van ser os seguidores de Pazo de familia os que decidan o seu desenlace preferido.

Nesta recta final, os espectadores saberán como se van resolver as frontes que aínda quedan abertas: como remata o triángulo Sara-Emilio-Eva? Que vai pasar cos negocios sucios de Carlos e dona Leonor? Sairá Nino do cárcere? Quen resultará vencedor da guerra aberta entre os Pardo-Veiga e os Moure?

Ademais, o final de Pazo de familia trae importantes novidades. Os seguidores da serie terán que lamentar a perda dunha das personaxes máis queridas. Tamén antes do final se producirá un terrible asasinato. Os espectadores reencontraranse con vellos coñecidos, xa que volverán ver as personaxes de Lolo e María, os fillos de Sara, e tamén vivirán unha voda por todo o alto. Quen casa con quen? Celebrarase o enlace sen incidentes?

Esta última temporada de Pazo de familia comeza cun capítulo que terá un final moi triste. Tomás substitúe na xudicatura a Mónica, investigada por asociación criminal. Isto provoca que Moncho teña que fuxir. Será que Sara o acompaña e algo se torce na súa viaxe?

Por outro lado, descóbrese que os matóns que lle deron a malleira a Alberto foron contratados pola súa propia nai para afastalo de Claudia. Será que as familias dos rapaces están dispostos a ir aínda máis alá para que non acaben xuntos?

Terá que ver ese final triste con Nino ou con Rita, disposta a calquera cousa para sacalo do cárcere, ata roubarlles aos Pardo Veiga? Ou mesmo con Marisiña e Tomaso, preocupados polos preparativos para a visita do señor Cosme?

'Vin polo vento'

Ademais, a TVG renderá homenaxe á serie cun programa especial de Vin polo vento. Os actores Luís Iglesia, Mayka Braña, Alberto Rolán, Arturo Santos Zas, Beatriz Serén e Marta Doviro serán algúns dos protagonistas dunha noite moi especial que será o punto de arranque do final de Pazo de Familia. Os espectadores coñecerán tamén ás veciñas de en fronte do pazo, que debullarán os segredos mellor gardados dos Pardo Veiga.

Pulsa para ver más contenido para ti