Síguenos en redes sociales:

ESPAZO EDUCATIVO | PLAN DE BENESTAR EMOCIONAL

Actividades en centros educativos para previr e atenuar a influencia de pandemia

O plan vaise trasladar aos centros co fin de mellorar o benestar emocional da comunidade escolar

Actividades en centros educativos para previr e atenuar a influencia de pandemia

O Plan de Benestar Emocional da Xunta é unha estratexia integral aprobada polo Comité Educativo que busca previr posibles problemáticas derivadas da pandemia tanto entre o alumnado, para que este tipo de situacións non afecten ao seu desenvolvemento académico, como no profesorado, a quen achega numerosas ferramentas cun enfoque pedagóxico, metodolóxico e sanitario.

O obxectivo é favorecer a resiliencia, a través do reforzo dos procesos que integran a capacidade para afrontar as adversidades e saír fortalecido delas, así como un mellor desenvolvemento das competencias sociais e emocionais para manexar situacións deste tipo de forma apropiada e impulsar elementos relacionados coa autoxestión persoal como a autoestima, a actitude positiva diante da vida, a responsabilidade, a capacidade para buscar axuda e recursos ou a intelixencia interpersoal.

“Este plan servirá para avanzar nun modelo no que os centros son moito máis ca un espazo de docencia, no que tamén son lugares de convivencia nos que aprender valores como a autoestima ou a confianza nun mesmo”, declarou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

O plan vaise trasladar aos centros co fin de mellorar o benestar emocional da comunidade escolar, entendido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o “estado de ánimo no cal a persoa se dá conta das súas propias aptitudes, pode afrontar as presións normais da vida, pode traballar de xeito máis produtivo e pode facer unha contribución á comunidade”.

A Xunta propón unha intervención en tres fases para desenvolver o acompañamento ao benestar emocional nos centros educativos. A primeira delas, que se pon inmediatamente en marcha nesta segunda metade do curso, centrarase na detección e o acompañamento, mentres que a segunda terá como obxectivo o fortalecemento da resiliencia e da competencia emocional. A terceira fase será de consolidación, planificación e organización do curso 2021-22.

O Goberno galego busca deste xeito detectar as posibles incidencias na normalidade do ámbito educativo ocasionadas por problemas emocionais, abordalas desde unha perspectiva de redes de acompañamento na comunidade escolar e fortalecer as competencias que axuden a superar esta situación, para saír reforzados.

Pulsa para ver más contenido para ti