Síguenos en redes sociales:

Nove institutos galegos participaron no lanzamento de satélites

Nove institutos galegos participaron no lanzamento de satélitesLOC

Máis de medio cento de estudantes de nove institutos galegos participaron na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos. Os lanzamentos fixéronse desde o aeródromo de Rozas.

Os alumnos participantes foron os equipos Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do IES Eusebio da Garda, na Coruña; Le Sat, do IES A Xunqueira I de Pontevedra; PonteSat do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo; SaviSAT do CPI Dr. López Suárez de O Saviñao; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR Las Acacias, en Vigo e Ortisats, do IES Ortigueira.

O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Presentaron os seus proxectos e lanzaron desde un dron os CanSat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso. A inauguración da xornada contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que agradeceu o esforzo dos participantes, desde alumnado ata profesorado, “por formar parte unha vez máis deste desafío no que Galicia demostra o interese e as posibilidades da formación en tecnoloxía para as novas xeracións”, por iso, animou aos participantes a “inspirar a outros moitos compañeiros e centros educativos a achegar a importancia da ciencia como valor educativo e cultural”.

Pulsa para ver más contenido para ti