Síguenos en redes sociales:

García Montero e Helena González reciben as Medallas do Consello da Cultura Galega

O recoñecemento premia o labor do director do Instituto Cervantes e da profesora universitaria galega a prol do diálogo entre a cultura de Galicia e outras culturas irmáns

García Montero e Helena González reciben as Medallas do Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, entregou onte as Medallas de Honra da institución ao poeta e director do Instituto Cervantes, Luis García Montero (Granada, 1958), e á profesora da Universitat de Barcelona Helena González Fernández (Vigo, 1967) polo seu “labor a prol do diálogo entre a cultura galega e outras culturas irmás, fraternalmente, por enriba de muros e valados que non están nos nosos corazóns”.

Álvarez lembrou poemas de Valentín Paz-Andrade e de Florencio Delgado Gurriarán para falar da “Galicia espallada, da Galicia infinda, do pobo disperso” que recoñece o espírito deste galardón, creado en 2018 para salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o destacado peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A presidenta do CCG reivindicou “unha nación transterritorial como consecuencia da emigración secular, dos exilios ou das novas diásporas, pois está alí onde estean os galegos e galegas” e incidiu en que Galicia ten unha cultura propia “nun estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultural que na península Ibérica comparte espazo co portugués”.

No acto estiveron presentes, entre outras personalidades, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Pulsa para ver más contenido para ti