Síguenos en redes sociales:

Quico Cadaval pasará este xoves polo auditorio do Forum Metropolitano. | // IÑAKI OSORIO

Érase unha vez... un conto en Galicia

A tradición oral refórzase estes días con Falando A Boca Chea

Moito antes de que a televisión hipnotizara á xente como un encantador de serpes, as familias xuntábanse nas casas galegas e contaban contos. Dos relatos da Santa Campaña ante a lareira, aos chistes improvisados mentras pacían as vacas. Das regueifas nas tabernas, ata os monólogos nos teatros. Cada esquina de Galicia está disposta para o conto. E esa tradición oral refórzase no ciclo Falando A Boca Chea, iniciado este mércores no Forum Metropolitano e que se celebrará ata o sábado. Coa organización de Artestudio, e o apoio dos concellos da Coruña e Oleiros, chega xa á súa sexta edición “aínda que levamos xa oito anos con programas de monólogos”.

Paula Carballeira tamén estará cos estudantes. | // LA OPINIÓN

Segundo Ramiro Neira, un dos artífices deste ciclo, “reunimos a contadores de historias, narradores e monologuistas”. Por aquí pasarán Quico Cadaval, Paula Carballeira, Oswaldo Digón, Cris de Caldas ou Raquel Queizás entre outros. No seu momento, nesta cidade “houbo un boom de contacontos con moitísimos locais, pero despois desapareceu”. Por este motivo, “foi interesante xuntar a estes talentos, coa visión de que os nosos monologuistas galegos recurran á historia”. Recalca Ramiro Neira que “esa é unha das nosas etiquetas formais, coidar da historia como fan Pepo Suevos ou Oswaldo Digón”.

Este festival chega a todo tipo de públicos, “desde as narradoras nas bibliotecas infantís para nenas e nenos de dous a catro anos polas mañás ata os alumnos da ESO que estarán con Quico Cadaval e Laura Carballeira, ou os narradores para adultos”. Incide a organización en que Santiago “está moi marcado por este tipo de espectáculos pero aquí é máis complicado velos”. Neste caso, hai unha recuperación da tradición oral galega, do contacontos fronte o stand up comedy (literalmente, comedia de pé). “No stand up o obxectivo pasa por facer rir ao público, pero aquí buscas emoción e reflexión”.

Logra este formato unha sorte de terapia, tanto par a o narrador como para o público? “Penso que si, a semana pasada fixen bastantes funcións en Oleiros para campañas escolares e faleilles aos nenos do meu avó Secundino”, explica Neira. “E sorprendeume o impacto desas lembranzas nos nenos, que se emocionaron porque algúns xa non tiñan avós”, asegura.

Catro días de historias fantásticas

O ciclo inagurouse este mércores con Cris de Caldas e Oswaldo Digón. Xa este xoves, Charo Pita estará na biblioteca infantíl, e polo auditorio pasará Quico Cadaval. O venres pola biblioteca infantil andará Raquel Queizás, e para máis maiores Paula Carballeira. E o sábado rematará a cita con Ramiro Neira e María Pontragha. As entradas poden collerse no mesmo Fórum, no despacho central da praza de Ourense, ou en liña a través de ataquilla.com. Nestes catro días, a organización intenta buscar “a mixtura entre figuras da narración galega máis consolidadas como Quico Cadaval e Paula Carballeira, con máis descoñecidas como Cris de Caldas ou María Pontragha que tamén son unhas artistazas tremendas”.

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.