Síguenos en redes sociales:

A resistencia de Delgado Gurriarán

A súa figura recupérase este martes nas Letras Galegas con actividades polo seu Córgomo natal como unha ‘Florenciada’, e a asistencia de fillas e netos

A resistencia de Delgado Gurriarán

A resistencia de Florencio Delgado Gurriarán amósase na súa loita pola vida no medio dunha Guerra Civil, na preservación da cultura galega durante un exilio de 50 anos México e tamén na eternidade da súa figura. Coa difusión da Real Academia Galega, o escritor chegou este ano ao grandísimo público e este martes recibirá a homenaxe do Día das Letras Galegas no seu Córgomo natal. Para os actos deste 17 de maio, a RAG celebra “ao poeta vital e comprometido e tamén á resistencia cultural do exilio mexicano”.

Nesa pequena vila pertencente ao concello de Vilamartín de Valdeorras, oficiarase o pleno extraordinario e un encontro popular. Para tan especial ocasión viaxarán ata Córgomo desde América as tres fillas e os netos do poeta. Recorda a Real Academia Galega que o compromiso de Florencio Delgado Gurriarán coa democracia custoulle o exilio: “Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía”.

Pero este autor (Córgomo, 1903- Fair Oaks 1987) tamén amosou a súa alegría de vivir. “Foi sempre un home vital, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e no país que o acolleu, México”, insisten desde a Real Academia. Despois do pleno extraordinario desta institución en Córgomo, aberto ao público, académicos e veciños compartirán polas rúas da aldea unha Florenciada: “Un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade”. Aquí participarán as tres fillas do poeta (Celia, Carmiña e Maruxa) e os seus netos, nun percorrido polas orixes do autor.

A sesión plenaria comezará ás 12.30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG. Este espazo está cheo de simbolismo, porque alí Florencio e os seus veciños xogaban aos birlos. Pero xa para estes días hai anunciadas en Vilamartín de Valdeorras outras actividades, como un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado das escolas da comarca, concertos e contacontos, coa organización da asociación As Letras de Florencio (formada por distintos colectivos, concellos da zona e a Deputación de Ourense, que reivindicaron a Delgado Gurriarán para as Letras Galegas).

Na súa figura, a RAG recoñece a diáspora dos galegos en México: un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que estará seguido por Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero.

Tamén este martes Supermercados Gadis repartirán 30.000 marcapáxinas e 30.000 bolsas de papel reciclado cunha imaxe de Delgado Gurriarán. E xa desde abril, ilustran edificios e pasos de peóns con versos de poetas galegos.

Pulsa para ver más contenido para ti