Síguenos en redes sociales:

Ruth Matilda Anderson

Viaxeiras a través do tempo

Desde Bríxida de Suecia a Ruth Matilda Anderson percorrendo Galicia, nun especial do Consello da Cultura Galega que aínda pode visitarse estes días na súa web

Días de descanso, días de escapadas. Os afortunados que gocen dunhas vacacións de Nadal poden aproveitar para percorrer Galicia na busca dun locus amoenus. E seguir os pasos das míticas viaxeiras que visitaron esta terra desde séculos inmemoriais. A mellor guía podemos atopala no especial Viaxeiras por Galicia, que publica en liña o Consello da Cultura Galega que aínda pode consultarse estes días. Con coordinación de Mariám Mariño e documentación de Anxos Sumai, daremos cun listado das mulleres que chegaron a Galicia desde a Idade Media ata mediados do século XX para coñecer os seus misterios. Tamén fotos de galegas obturadas polos visitantes, tanto campesiñas en zocos como señoritas con mantilla.

Georgiana Goddard King. // CCG

Por orde cronolóxica, a primeira forasteira famosa que chegou ata o entón fin do mundo foi Bríxida de Suecia. Viaxou a Compostela entre 1341 e 1342 “e nos seus libros de revelacións inclúense as que tiveron lugar na súa peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago”. Neses tempos puido asistir a como a basílica collía alturas de fortaleza, con torres defensivas como a do Reloxio. En 1417 peregrinou a Compostela Margery Kempe, un camiño que publicaría no seu Libro de Margery.

Nina Consuelo Epton

Xa en 1845, Dora Wordsworth pasa polo porto da Coruña con destino a Portugal e falará de Galicia no seu Journal of a Few Months’ Residence in Portugal and Glimpses of the South of Spain. A poeta escocesa Jane Leck viaxaría sete semanas en 1883 polo noroeste. Katharine Lee Bates chegaría despois da Guerra de Cuba en 1899 como correspondente de New York Times. Xa co inicio do século XX nos visitarían a antropóloga e a xornalista feministas, Annette Meakin e Gasquoine Hartley.

‘A gallegan señorita’ de autoría descoñecida. | // CCG

En 1915, con tambores de guerra en Europa, Georgiana Goddard King (profesora de Historia da Arte na universidade feminina de Bryn Mawr College, Pennsylvania)desembarcaba aquí “interesada pola súa abondosa arte románica”. A lingüista xermana Margot Sponer documentouse en Galicia en 1926 para a súa tese de doutoramento, e mesmo estivo en contacto co grupo Nós.

De 1924 a 1926, a máis ilustre visitante Ruth Matilda Anderson realizaría aquí miles de fotografías. Unha escritora da categoría de Edith Warthon (A idade da inocencia) tomaría notas para os seus escritos durante os seus periplos galegos. E a locutora radiofónica Nina Consuelo Epton escribiría sobre o norte en Grapes and granite (1956).

Miles de fotos en feminino

Ruth Matilda Anderson (Cottonwood State Farm 1893-Nova York 1983) percorrería Galicia durante dous anos (1924-1926). Realizaría xa na primeira viaxe 5.000 fotografías, das que a maioría non chegarían a positivarse, e compraría 2.800 a fotógrafos locais. E na segunda, tomaría outras 3.000.

Na Coruña aprendería castelán, lendo a Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Sacou imaxes sobre todo do entorno rural, acompañada polo seu pai que escribiría un diario. Nas propias pensións improvisaban un cuarto oscuro para o revelado.

Outra destacada viaxeira sería a política, sindicalista, anarquista e escritora Federica Montseny. En decembro de 1935, a Confederación Rexional Galaica organizoulle unha xira propagandística de dúas semanas por Galicia que relataría por entregas en La Revista Blanca. As súas intervencións serían no Teatro Rosalía de Castro e o Cinema Doré (A Coruña), o Jofre de Ferrol ou Betanzos.

E por último, a escritora e xornalista inglesa Honor Tracy recollería as súas viaxes en Spanish leaves (1964).

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.