Síguenos en redes sociales:

Pie de foto para la fotografía de Faro. | // FDV

Cartas con Otero Pedrayo e unha ‘webserie’ para lembrar a Del Riego

O escritor de Lourenzá é o protagonista dunha celebración que el mesmo ideou xunto con Manuel Gómez e Xesús Ferro | Haberá programación variada para todos os públicos

O Día das Letras Galegas é o 17 de maio, pero a celebración xa deu comezo onte na Fundación Luís Seoane, onde a Real Academia Galega (RAG) presentou a programación dedicada á figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), un dos impulsores da festa da cultura galega xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Este ano, el é o protagonista. A publicación da súa correspondencia con Otero Pedrayo e a estrea dunha webserie sobre a súa vida son algúns dos actos previstos para este 2023.

“Foi o inventor dunha iniciativa que hoxe é un acontecemento social”, comentou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, nunha presentación na que tamén participaron os membros da comisión executiva da RAG Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey. Del Riego foi, segundo Freixanes, “un intelectual prolífico, editor, ensaísta e crítico literario”. Ademais, exerceu “de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”.

A súa obra non é ningún segredo. Tampouco a súa importancia na cultura galega, pero aínda hai terreos por explorar. Por iso, este ano publícanse as súas cartas con Ramón Otero Pedrayo. Son máis de 450 documentos. “Un centenar escritas por Del Riego”, avanzou Monteagudo, quen destacou que o homenaxeado foi “unha persoa moi activa”.

Xa se coñece a correspondencia do de Lourenzá con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Xosé Neira Vilas, pero agora é momento de saber máis da íntima relación que mantiña con Otero Pedrayo, “un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, como di a investigadora Patricia Arias Chachero.

Tamén sairá á luz en marzo unha webserie sobre o escritor. A Academia narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A webserie estará na canle de YouTube da RAG e na súa páxina web, onde pode lerse xa unha biografía de Del Riego escrita por Ramón Nicolás.

A celebración oficial comeza o 6 de marzo coa Primavera das Letras, unha iniciativa de Casalderrey para crear un vínculo “entre a Academia e os escolares”. Eva Mejuto, a gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, é a autora de As cousa de don Paco, un percorrido pola vida de Fernández del Riego a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron. Lucía Cobo é a ilustradora. A presentación farase no CEIP Juan Rey de Lourenzá, onde se proxectará a curta A orixe da nosa lingua guapa. A páxina web primaveradasletras.gal terá, ademais, diferentes actividades interactivas para que os nenos e nenas coñezan ao protagonista do Día das Letras Galegas dun xeito ameno e divertido. O portal das palabras, espazo web para a difusión da lingua galega creado pola RAG e a Fundación Barrié, terá tamén un apartado dedicado a esta gran festa.

O lugar onde naceu Francisco Fernández Del Riego, Lourenzá, é o espazo escollido para celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas. Ademais, Vigo, onde o escritor se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu falecemento, acollerá un acto literario que a RAG organizará co Concello de Vigo e a Fundación Penzol. En outono será o tradicional simposio que fai a Academia cada ano sobre os homenaxeados o 17 de maio para falar da figura e obra de Del Riego. Aínda que isto é só un adianto, pois haberá máis iniciativas e actividades ao longo do ano.

Primeiro acto da Academia fóra da súa sede

A Real Academia Galega (RAG) celebrou onte na Fundación Luís Seoane o primeiro acto fóra da súa sede. O número 11 da rúa Tabernas, na Coruña, atópase en reformas. Os fondos da Academia e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán foron trasladados a unha nave no polígono de Pocomaco. Alí permanecerán 19 meses, que é o tempo que duran as obras da rehabilitación integral, pois un estudio revelou que existía risco de “derruba parcial”. Pero a actividade da RAG ten que continuar,aínda que non sexa na sede. O seu presidente, Víctor F. Freixanes, agradeceu onte a disposición da Fundación Luís Seoane, que cedeu o seu salón de actos para facer a presentación dos actos polo Día das Letras Galegas. Freixanes contou tamén que os plenos da Academia vanse celebrar no Concello da Coruña.

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.