Síguenos en redes sociales:

Unha muller, e unha voluntaria, no economato de Cáritas. | // VÍCTOR ECHAVE

Entidades contra a pobreza de Galicia: “O escudo social contivo o ‘tsunami’ pospandemia”

As medidas de choque “evitaron” a exclusión social de 127.000 galegos só en 2021, pero máis do 23% da poboación está en risco: “O impacto crecente da emerxencia do acceso á vivenda é, con diferenza, o principal problema”

Os datos de pobreza melloran, pero a brecha da desigualdade mantense entre o norte e o sur de España. Así se desprende do último informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES), presentado esta semana. Un documento que constata que o indicador xeral de exclusión social reduciuse o ano pasado en todas as comunidades autónomas, aínda que as cifras seguen sendo moi elevadas, cunha de cada cinco persoas en risco de pobreza na metade norte do país, e ata unha de cada tres na metade sur. En Galicia, uns 637.200 cidadáns atópanse nesa situación, o 23,6% da poboación, unha porcentaxe aínda alta, pero que supón o mellor dato do último lustro. Un ano antes, eran 680.400, é dicir, 43.200 máis. As entidades galegas que traballan contra a pobreza teñen claro que as medidas sociais adoptadas polo Goberno central e a Xunta foron claves para conter os datos, e mesmo melloralos, a pesar da crise do COVID. “O 'escudo social' foi un dique fronte ao tsunami pospandemia”, reivindican.

“O informe de EAPN-España amosa unha continuidade con respecto ao ano pasado, cando na Enquisa de condicións de vida das familias, con datos de 2021, empezabamos a ver como o impacto das medidas de loita contra a pobreza e a exclusión social implantadas polo Goberno central, como o Ingreso Mínimo Vital (IMV), a subida do salario mínimo, o aumento das prestacións de dependencia, os ERTE... é dicir, todo o que se denomina ‘escudo social’, estaba a empezarse a notar a nivel estatal, e tamén en Galicia. Na nosa comunidade, de feito, cunha mellora especial, porque ao contrario que noutras autonomías, aquí non se aproveitou a crise económica para reducir costes sociais. Non se paralizou a Risga (Renta de Inserción Social de Galicia); púxose en marcha unha medida excepcional, como a Tarxeta Básica, para que as familias en situación de extrema pobreza puidesen comprar alimentos, ou productos de hixiene ou farmacia (aínda que, por algunha razón que seguimos sen entender, desaparecese); e, sobre todo, influiu que a Xunta enfocase gran parte dos fondos europeos a loitar contra a pobreza, e que os incrementase con fondos propios. Todo isto fixo que a situación en Galicia mellorase un pouco máis”, considera Xosé Cuns, voceiro de EAPN-Galicia, quen incide en que “o 'escudo social' contivo o tsunami da pospandemia”.

Impacto da inflación

“De feito, no informe que EAPN-Galicia publicou o ano pasado, xa calculamos que as medidas sociais adoptadas durante a emerxencia sanitaria do COVID, tanto polo Goberno central, como pola Xunta, evitaron que 127.000 cidadáns galegos, como mínimo, caesen na pobreza. E estes datos van ser moito mellores no 2022. Non é só que se contivese a situación, é que mellorou”, resalta Cuns, e detalla: “A tasa de desigualdade disminuiu notablemente en Galicia, do 29,2 ao 28%. E tamén baixou dous puntos a de pobreza severa, ata o 6,8% da poboación galega. O relativo problema é un pouco esa sensación, deste último ano, de que ‘estamos vivindo de rentas’. E é que, cando analizamos o indicador máis recente (con datos do último cuatrimestre de 2022), que é o de ‘carencia material severa’ —que inclúe, á súa vez, outros trece indicadores, como ‘quen pode permitirse ir de vacacións’; ‘quen pode comer carne, polo, peixe... tres veces por semana’; ‘quen pode manter a vivenda coa temperatura axeitada’; ou ‘quen pode afrontar un gasto imprevisto de 800 euros’, entre outros—, xa vemos que se empeza a percibir o impacto da inflación, do aumento notable dos prezos do combustible, da eliminación de medidas como a Tarxeta Básica... e logo está o impacto crecente da emerxencia do acceso á vivenda, con diferenza hoxe o principal problema que nos estamos a atopar as entidades”.

O problema da vivenda

Un problema que, asegura o voceiro de EAPN-Galicia, “xa non afecta só a persoas en pobreza, pobreza severa, en exclusión ou con discapacidade”. “Nas entidades xa estamos tamén axudando a atopar vivenda digna e accesible a persoas de clase media, e media-baixa, para que non estean en vulnerabilidade. O do acceso á vivenda é un problema moi grande”, reitera Xosé Cuns, quen alerta de que, no caso das persoas en situación de pobreza, “prácticamente catro de cada dez teñen xa que destinar máis do 40% dos seus ingresos á vivenda e os gastos vinculados”.

“Na Coruña, por exemplo, unha familia en pobreza severa —considerando como tal a dous adultos con dous fillos e uns ingresos mensuais totais de 1.100 euros ao mes— destina de media uns 700 euros ao mes á vivenda e aos gastos que trae consigo, polo tanto, quedaríanlle, para comer e vivir, 400 euros”, advirte.

Neste contexto, e “agora que xa sabemos como hai que actuar para reducir a pobreza”, o voceiro de EAPN-Galicia sinala que “a primeira liña de medidas” a adoptar “ten que ser non dar un paso atrás no Ingreso Mínimo Vital (IMV), reducir a burocracia, ter a lei de inclusión...” .

“E, en Galicia, asegurar que a Risga se modifica o antes posible, como está comprometido, para que chegue ás familias que máis o precisan; e garantir algunha medida de emerxencia, entre concellos e Xunta, como foi a Tarxeta Básica. Non se lle pode dicir ás persoas que xa non necesitan este tipo de axudas porque atopan un traballo e xa está. Por desgracia, non é tan sinxelo”, subliña Xosé Cuns, quen considera que “outra boa medida” é que “por fin conseguimos colocar na axenda política, e no debate das eleccións municipais (especialmente, na Coruña), a ausencia do acceso á vivenda”.

“Vemos que ese discurso foi calando, polo tanto, temos que facer que, no caso desas 1.800 vivendas anunciadas polo presidente da Xunta, non suceda como outras veces: que se estableza cantas van ser este ano e cantas en 2024, cantas van estar en cada sitio, con que fondos... para que non quede nun anuncio máis. E outra medida que reclamamos, sobre todo ás candidaturas municipais e á Xunta, e que haxa departamentos específicos en cada localidade para asegurar que os fondos Next Generation, os europeos e os estatais de vivenda dirixidos a colectivos e persoas vulnerables, realmente cheguen ás persoas e os barrios nesa situación. Porque non estamos vendo andamios que aseguren que os cidadáns teñan a vivenda con climatización enerxética ou con medidas de accesibilidade, precisamente, en barrios como o Agra do Orzán, con tasas de pobreza do 37%. Os estamos vendo nos que teñen capacidade para facer formularios, soportar a burocracia... pero aos barrios aos que, en teoría, van dirixidas boa parte desas axudas, non están chegando, e granparte diso é tamén reponsabilidade dos concellos”, conclúe.

“A loita contra a pobreza é unha responsabilidade compartida”

“A Consellería de Política Social e os servizos sociais municipais teñen unha responsabilidade ao respecto de todo isto, e hai concellos que a cumpren mellor que outros (ACoruña, por exemplo, é a cidade galega que máis orzamento real, executado, destina a servizos sociais, 103 euros por habitante, o dobre que Vigo), pero as persoas en pobreza non son responsabilidade só desas áreas. Son responsabilidade do presidente da Xunta e dos alcaldes e, polo tanto, dos departamentos de vivenda, emprego, educación... de todos”, advirte Xosé Cuns, voceiro de EAPN-Galicia, quen insiste en que “a loita contra a pobreza é unha responsabilidade compartida”, e esta “é tamén unha das demandas das entidades”.

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.