"A miña chegada ao mundo da música foi moi dura. Hai moito ego, e eu non o tiña"
"Cheguei a un gremio no que ser muller é ser unha gacela nun mundo de hienas" - "A xente vénme ver porque busca autenticidade. Se es pequeno, so funcionas así"
Vén dunha tempada repleta de cheos nos seus concertos e cun novo proxecto baixo o brazo. María Xosé Silvar, a cantareira agochada tras o nome de Sés, chega esta noite ás Festas de María Pita para interpretar ás 22.30 horas o seu álbum máis recente, Opoñerse a extinción. Acompañada da súa banda, e tamén dalgún que outro músico sorpresa, a artista subirá ao escenario coa súa forza e compromiso habitual, debuxando coa súa voz o amor e as inxustizas do noso mundo.
-Falaba de forma misteriosa en redes sobre o concerto desta noite. Que ten preparado?
-Unhas sorpresas, colaboracións de músicos como Xan Cerqueiro, de Luar na Lubre, que van estar esta noite.
-Virá co seu disco Opoñerse á extinción. Con el está esgotando as entradas en todos os concertos.
-Si, pero o crecemento foi paulatino, e hai que ter en conta que os aforos de Galicia son de 1.000 localidades. Si que chegamos a facer sold outs, pero sobre todo polo que me alegro é por darlle unha patada na cara a todas esas persoas que consideran que a cultura que se crea co noso idioma non vende.
-Por que triunfa Sés?
-A xente vénme ver porque creo que busca a autenticidade. O produto que non é auténtico pode funcionar avalado por unha gran multinacional, pero se es pequeno, so funcionas se es de verdade.
-Falta verdade na música?
-Moita. Hai moito "queremos ser", "queremos soar a?". Eu sempre digo que hai dous tipos de músicos: os que teñen a música como fin e os que a teñen como medio. A miña fin é facer cancións, pero se ti tes a música como medio de gañar diñeiro, entón non é arte. A música so é auténtica cando a fas porque queres facela, non porque queres ser famoso ou un icono sexual.
-Hai moi malos referentes femininos nese sentido.
-Si, pésimos. A maioría dos referentes musicais masculinos son referentes musicais, pero a maioría dos referentes musicais femininos son referentes sexuais. Cantas boas guitarristas ou baterías coñeces? E non podemos dicir que non existan! Brittany Howard, por exemplo, un fenómeno á guitarra. Que pasa? Que pesa 120 kilos. Nun mundo tan esaxeradamente gordofóbico, a muller para ser música ten que cumprir uns cánones estéticos.
-Esa e outras cousas as denuncia coa súa música. Molesta que sempre se asocie a Sés coa reivindicación e non con outros temas das súas cancións, como o amor?
-Non, entendo que sexa así. Se ti te atreves a falar, chamas a atención. E se chamas a atención, a xente quédase con iso. O 70% das miñas cancións son de amor, si, pero a día de hoxe, que todo o mundo cala a boca por covardía... Por que me coñecen por iso? Porque é certo, denuncio. É o único que fago? Non, pero si das poucas que o fai.
-Continuará esa liña no próximo disco, supoño. Como será?
-O seguinte disco vaise chamar Readmirando a condición. Son os once temas do primeiro disco máis un tema novo. Ten unhas colaboracións magníficas e un orgullo brutal de xénero e identidade tanto de muller como de galega. Soará diferente, como eu quero, porque ese álbum non o producira eu.
-Había que quitarse a espiña.
-Si, sobre todo porque nese disco víame achicada vocalmente. Vas ver a diferenza de actitude, de empoderamento. O máis complicado para calquera muller musicalmente é asumir o liderado.
-Custoulle asumilo a vostede?
-Moito. E chorei moito, porque cheguei a un gremio no que ser muller é ser unha gacela nun mundo de hienas. Hai moito ego, e eu non o tiña. Fun unha adolescente con sobrepeso, e cando es unha persoa esteticamente marxinal, non desenvolves unha autoestima suficiente como para asumir un liderado. A miña chegada ao mundo da música foi moi dura, pero non cambiaría nada do que me pasou. Sentinme unha merda e fixéronme sentir unha merda, si, pero agora... Agora no caga por enriba de min nin Dios.
Temas
Más en A Coruña
-
Aparcar en día de partido en A Coruña, una tarea complicada
-
Condenado a 11 años y diez meses de cárcel un hombre que atacó a su pareja con una navaja en presencia de sus hijos
-
A Coruña inicia un protocolo en palmeras contra el picudo rojo
-
Un cine de A Coruña proyecta el estreno mundial de la nueva producción de Carmen en directo desde Londres