"A Coruña é marxinada pola Xunta porque o Partido Popular non ten o Concello"
"Estamos afeitos a ver grandes obras na propaganda e vídeos da Consellería, pero non se atende ás carencias actuais do Chuac"
Como avalía as inversións da Xunta nesta lexislatura?
Preguntaríame se houbo algunha inversión, porque son bastante escuálidas. Neste ano gasta en Galicia 610 euros por habitante, e na Coruña non chegamos aos 340. A Coruña está marxinada porque o PP non ten o Goberno local.
A que achaca os atrasos na intermodal e o centro de saúde de Santa Lucía?
Non hai desculpa. Nos orzamentos deste ano os investimentos andan en torno aos 360.000 euros, sobre 26 millóns que serían necesarios. É unha tomadura de pelo. E a intermodal é competencia exclusiva da Xunta, aínda que teña que falar con outras administracións: vaiamos a iso. En relación ao centro de saúde de Santa Lucía, haberá que abordalo en condicións e con partida orzamentaria.
A Xunta tamén se comprometeu a aportar 20 millóns para liberar os peiraos interiores.
O señor Feijóo comprometeuse a achegar unha partida orzamentaria suficiente, e non a achegou. É imprescindible que a cidade lle dea un uso público a estes espazos, e a Xunta ten que responder a ese compromiso.
Cre que debeu facerse un investimento directo para rexenerar a ría do Burgo?
O Goberno galego ten que intervir, primeiro, en vixiar que as EDAR [estacións depuradoras de augas residuais] funcionen en condición, para non agravar o problema da ría. En segundo lugar, aquí tomóusenos o pelo durante moito tempo co goberno de Rajoy, e agora de repente reconvertéronse e comezan unhas reclamacións tremendas. Estamos cansados deste pin-pan-pun. Levei ao parlamento unha iniciativa para mellorar os vestiarios dos mariscadores que quedan, que non teñen nin duchas, e mandáronme aos cerros de Úbeda. A Xunta ten que facer todo o posible para que esa rexeneración funcione e ten que dar exemplo.
Como avalía o proxecto do Chuac?
Eu non podo valorar o proxecto porque nestes momentos é mera propaganda. Estamos cansos de tantos proxectos propagandísticos. O que si podo valorar é que nestes momentos consígnanse dous millóns para o Chuac e un millón para tecnoloxía e equipamentos: totalmente insuficiente. Sae un novo hospital, practicamente na campaña preelectoral, pero non se atende ás carencias e necesidades do Chuac nestes momentos. Estamos afeitos a estas grandes obras que saen na propaganda e nos vídeos da Consellería, pero as cousas fanse formalmente, non por propaganda.
Que resultados espera para o BNG nestas eleccións?
Temos moi boas perspectivas. Creo que temos a mellor candidata, pasamos unha travesía no deserto que foi dura pero proveitosa, e estamos dispostos a dalo todo por este país. A xente é receptiva, pero hai que materializalo o día 5, e queda moita campaña por diante.